sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

A vindeira Gran Cousa

Non é que a innovación tecnolóxica estea detida en 2017: é que parece coller folgos para saltar e levarnos moito máis alá...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

NON É QUE a innovación tecnolóxica estea detida en 2017: é que parece coller folgos para saltar e levarnos moito máis alá, pero asegúrolles que ninguén sabe exactamente onde. Na cultura tampouco ninguén parece ter claro cara onde ir: créase por inercia e porque hai que comer. O primeiro que venda risco gañará por sorpresa.

GUSTO

En Cirio, Pol, agasállannos cunha dieta anti-veganos. Nun país de costumes culinarios homoxéneos como Galicia, os pequenos detalles locais son importantes. Os chicharróns son feitos no concello, e os chourizos son curados, teñen que ser curados, que é como gustan aquí. E acompáñanse cunha bóla de liscos mercada no Castro de Ribeiras de Lea. Mentres aló no alto, en Monte Cubeiro, a neve agasalla os ollos e o mundo discorre plácido entre a Terra Chá e a montaña. Un decátase de que o mellor sabor é o da hospitalidade.

VISTA

Poucas lecturas hai tan bizarras como achegarse a ‘Plinius’, un manga que relata a vida do historiador e naturalista romano Plinio O Vello, levado a cabo por Mari Yamazaki e Tori Miki. A obra recrea de maneira meticulosa o mundo romano pero ao cabo de varias páxinas, algo comeza a crebarse na túa percepción: as delirantes explicacións coas que Plinio achegábase aos fenómenos do mundo, expresadas con absoluta normalidade por él e os seus colaboradores como se Roma fose un inmenso manicomio. A nosa imaxe do mundo romano, elevada pola literatura e o cine, é a dunha civilización moi racionalista. Facía falta un pouco de bizarrismo xaponés para revelarnos esoutra visión: a dunha sociedade que é filla lexítima dos antigos mundos máxicos.

OÍDO

Perdémonos e fumos dar a San Xurxo, en Mourazos, concello de Santiso. Hai unhas fermosas casas restauradas e ao carón da humilde ermida hai unha pedra con dúas grandes pías, se cadra ensanchadas, cubertas de carrizo. Non hai que pensar moito para darse conta de que agochan algo. «Aló ían beber os cabalos do castelo que había aquí abaixo, naquel prado», confésanos unha muller paseante. Un home soturno corrobora. Bendito país que garda un anaco de imaxinación en cada pedra.

TACTO

É chamativo que as dúas grandes novidades do World Mobile Congress sexan unha versión actualizada do nokia-tanque de toda a vida e un incipiente proxector que convirte en táctiles as superficies. Nos días previos, unha empresa de automoción tentou demostrar a condución autónoma dos seus vehículos e provocou o cachondeo dalgúns xornalistas ante os ‘bugs’ destas incipientes tecnoloxías. Esas risas eran de fastío, como todo o que está a acontecer na telefonía móbil, pero tamén de resabidismo ignorante. Lembráronme ás que se botan os expertos angloparlates de Burgos ou Arteixo cando ven a un político español tentar falar inglés no estranxeiro.

OLFATO

O que é posible que vaian sabendo os do WMC é que a ‘next big thing’ é a enerxía. Vainos fascinar non só a enerxía, senón a súa aparente inexistencia, nos vindeiros anos. Cousas que se recargan sen cabos, coches sen gasolina; todos os coches das gamas medias e altas son clónicos dixitais, apenas se diferencian nas súas prestacións tecnolóxicas; o desafío está nos motores. O primeiro que solucione a enerxía en Europa paparase o mercado. O problema é que Elon Musk, o xefe de Tesla, o novo Steve Jobs, está ao chegar coa súa maxia eléctrica.

TENTACIÓN

Teño un compañeiro que di que cando a algo (oficio, costume) se lle fai un centro de interpretación ou un museo é que xa está morto. Lembreino ao ver que tres novos comisarios estrearon exposición sobre a arquitectura das discotecas en Hyères, distrito francés de Var. É unha aproximación ao deseño do divertimento social, que parte da primeira discoteca do noso tempo, o Piper Clube de Roma, fundado en 1965 e deseñado por Cavalli e os irmáns Capolei. Algo así neste país sería unha pasada: desde os clubs urbanos con pretensións ás macrodiscos do rural chairego. Territorios das ruínas da memoria, da ambición, do desexo e do trance inducido. Demasiado importante para que alguén se ocupe delas por aquí.

A vindeira Gran Cousa
Comentarios
ç