Manuel Jabois

"A virulencia que atopo ao escribir de fútbol non a encontro cando escribo de política"

O galardoado este ano co premio Puro Cora empezou como correspondente do Diario de Pontevedra en Sanxenxo aos 18 anos e permaneceu case dúas décadas no periódico do Grupo El Progreso ata que pasou a El Mundo. Posteriormente, desembarcou en El País, onde a maiores de columnismo escribe información e reportaxe, e fai entrevistas
Manuel Jabois. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Jabois. VICTORIA RODRÍGUEZ

Manuel Jabois é un periodista de estados de ánimo. Eles informan sobre o clima que reina nos seus textos que se publican no periódico El País.

Como se atopaba cando recibiu a noticia do Puro Cora?
Foi unha nova moi agradable e sorpresiva. Chegou nun día no que non estaba moi ben por un asunto persoal. Levaba unha mala semana. A noticia do Puro Cora foi a primeira boa nova nunhas semanas. É un premio prestixioso e prestixiado, así que enderezou todo.

Onde se encontraba cando recibiu a noticia?
Nun restaurante galego en Madrid, o Lúa. Quedara para xantar con José Manuel Lorenzo, o produtor de Pontevedra. El xa marchara. Estaba tomando algo na terraza cando me chamaron. O primeiro que fixen foi chamalo a el; nin á miña moza nin á miña nai. Foi un acto reflexo.

Foi un rapaz complicado. Ten boa relación coa súa nai?
Falo con ela todos os días. Son un rapaz sen destetar. Ela tívome sendo moi nova. Estamos moi unidos. Chámame cando remato na Ser. Está atenta á miña interveción e chama.

Falan sobre a columna?
Non. Ben, ás veces. Pero falamos sobre o meu traballo, cóntolle o que fixen, ou da vida.

A súa mocidade foi errática. O éxito periodístico redimiuno diante dos seus pais?
Eles nunca se meten. Estaban preocupados ao principio. A calquera pai lle preocuparía. Con 20 anos debería estar estudando. Gustábame o periodismo.

Herdou do seu avó a corresponsalía en Sanxenxo do Diario de Pontevedra.
Ese ano viron a miña ilusión co periodismo. Pensaban que o compaxinaba cos estudos. Non era certo, pero nunca me permitiron deixalos.

Como recorda eses comezos.
Patrullando Sanxenxo. Ía ao multiusos de Portonovo buscar os carteis de actividades. Tiña que encher dúas páxinas diarias. No inverno era difícil. Qué había un cursiño de ganchillo? Pois escribía case unha páxina sobre iso, aínda que moitas veces se apuntaran catro mulleres.

No verán había menos actividades que no inverno.
No verán era máis fácil porque había máis xente. Non eran necesariamente famosos. Viña un médico de veraneo e o entrevistabas... Apandaba mellor. Tiña 20 anos. Marchaba ás oito da mañá para a cama e ás dez xa estaba de pé. Acababamos en La Manga, un after, dabámonos un baño no mar e a traballar. Cando me din que a auga está fría en Sanxenxo, explico que non hai nada mellor para a resaca. Lembro con amor eses tempos. Vivía na casa dos meus pais, traballaba... Os anos entre os 18 e os 22 foron interesantes. Fixen o que se debe facer. Despois todo é máis esixente. Téñoos idealizados.

Non temía o futuro?
Non son de mirar a longo prazo. Tiña 18 anos e pensaba nos 18 anos. Estou orgulloso de que era consciente de que non ía ser mozo nunca máis. Estaba nun sitio de noite e despois traballaba. Había quen non podía facelo. Non me estrellei de milagre.

Empezou como correspondente en 1998 e no 2000 pasou á redacción pontevedresa do Diario.
Esa redacción é o sitio no que pasei máis horas na miña vida porque era traballo e ocio. Eramos todos de 20 anos. Xantaba na mesa e facía o groso do traballo de dúas a catro da tarde.

Logo debutou no columnismo.
Metía pezas con nomes en cursiva e empecei a facer opinión na contraportada.

Baixo o nome que parafraseaba a marca dun vaqueiro: Pontevedra 501.
Iso foi produto dunha confusión. En lugar de deixar o nome da sección en branco, como o deixara eu, puxeron o título da columna, Pontevedra 501, como nome da sección. Cando lles preguntei que pasara, explicáronme que, como escribía artigos orixinais, pensaran que non levaba título.

A primeira columna non chegou a publicarse polos tacos que lle metera.
Fixeron ben. Eu tiña 20 anos e pensaba que debía escribir con tacos. 

Os seus artigos cambiaron nestes vinte anos. Ten que ver co ser pai.
Ten que ver con onde chega a túa vida. Xa non vou escribir sobre saír pola noite. Cambiou o meu universo.

Todo columnista debería ter fillos. un deixa de ser o centro do mundo.
No meu caso non foi así. Tiven a tentación de falar do meu fillo nas columnas. Os meus amigos déronme o toque. Todo pai conta como se fose o primeiro pai da historia e o seu fillo, o máis enxeñoso.

De onde saen as columnas?
Miras cales son as catro ou cinco noticias do día e intentas saber se tes algo que dicir sobre unha delas que non dixeran outros. Se non, tratas de recordar algo que escoitases pola rúa.

Póñame un exemplo.
Un exemplo? Este verán estaba nun asador. Tiña cerca dous tipos duns sesenta anos que comeron sen dirixirse a palabra. Esa é a amizade perfecta, cando está todo dito. Houbo unha rapaza á que lle escoitei: "..y me dejó y no lo hicimos por última vez". Claro! Nunca sabes cal vai ser a última vez.

Supoñamos que non se lle ocorre nada distinto sobre as cinco noticias do día nin escoitou nada suxerente.
Recurro aos libros e ás películas. Hai un personaxe da serie La casa del dragón que é conspirador e fala con dobres sentidos.

Os columnistas da vella garda recuperaban textos xa publicados aos que daban un lavado de cara antes de publicalos de novo.
Non podo facelo en El País porque chega a moita xente. Alguén pode buscar o título ou unha frase en Google.

Os tempos de internet dificultaron a escrita de columnas?
Democratizouse. Está ben. Ás veces escribo unha columna e paréceme que fun moi orixinal, pero alguén fixo o mesmo tuit e ten 20.000 persoas que lle deron ao botón de favorito. Se aparece no xornal vanche dicir que o copiaches. Se a alguén se lle ocorreu antes enténdoo como publicación e cítoo se o publico.

Internet facilita os datos.
Hai todo tipo de historias que non recordo e miro Google. Ás veces son máis de intuición, máis de antes; pero daquela faltábame cociña.

Hai temas que lle dean pudor? Parece incomodalo o feminismo.
É un tema de actualidade que está no xornal, non o perdo de vista. Hai unha actualidade artificial e outra que segue. O feminismo está de actualidade, pero non ten que ver o que escribía con vinte anos co que escribo con corenta. Cambiamos moito, aínda que algúns sigan subidos ás árbores. O feminismo é un movemento do que temos que aprender. Hai tics e un ton que tiña e xa non teño. Pero non impugno o que fun.

Escribe de política e de fútbol. Que tema prefire?
No fútbol son un invitado porque son do Real Madrid. Procuro ser obxectivo, pero estou condicionado pola miña color. Trato de non poñelo todo perdido coa bufanda co Real Madrid. Gústame escribir de deporte: de tenis ou de fútbol.

Fáleme das repercusións.
A virulencia que atopo no fútbol non a atopo na política. Hai quen me deixa de ler cando sabe de qué equipo son. Non me gusta que perda o Madrid, pero non pasa nada. Hai que botarse unhas risas.

Comentarios