Visibles por un día

Os trazos físicos do ser humano serviron dende o primeiro momento como arma de diferenciación entre uns e outros. Uns, os dominantes, outros os dominados. A diferencia coverteuse en desigualdade.  A existencia de dous corpos e dous órganos reproductivos diferentes provocou a subordinación da metade da poboación ante a opresión da outra metade.

Co paso do tempo esa subxugación foi mudando as súas formas de manifestarse e suavizando os seus comportamentos, pero segue a persistir. Só a súa existencia é quen de explicar que siga tendo lugar un oito de marzo no que recordar o día da muller traballadora.

Os datos achegados pola ONU referidos ao 2008 amosan que o 90% do diñeiro circulante no planeta está en mans de homes, ao igual que o 99% das terras, de aí que a pobreza afecte na súa maioría ás mulleres, do mesmo xeito que as enfermidades, o analfabetismo, etc. Só un 16% dos postos parlamentarios están ocupados por mulleres e, á súa vez, entre elas só se reparte o 14%  das direccións empresariais. En moitos países avanzados as desigualdades fóronse limando no plano legal pero a brecha continúa existindo na súa visión real.

Chefa Ermo, Rosa González e Manola Arias, tres 'sindicalistas históricas' de Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG) respectivamente, recordan que as reivindicacións non cambiaron, as mulleres seguen pedindo o mesmo: igual salario por igual traballo e formar parte dos órganos de decisión, das empresas, dos partidos políticos e dos propios sindicatos.

Chefa di que pouco cambiaron as cousas e considera que o único que se pode ver como un paso cara adiante é que ''agora as mulleres queremos cambiar o noso espazo, non nos hai que convencer de que ese espazo é noso''. Rosa González, máis optimista, asegura que as cousas teñen mudado bastante, ''no 1977 non eramos conscientes de todo o que tiñamos detrás. Había profesións que para nós case non existían. As forzas fascistas que nos gobernaban decian que as mulleres non tiñan dotes ou capacidades ou criterios para facer os traballos dos homes''. A pesar do avance recoñece que ''seguimos precisando un traballo decente e unha vida decente, trátase de xustiza social''.

Manola Arias conta que as reivindicacións deberían acabar cando se recoñecen no papel pero non acaban. ''Ás veces asínanse dereitos ou acordos que hai que estar vixiando continuamente porque non se cumpren e deben ser denunciados''.

A realidade do mundo laboral
Na Constitución de 1978 recoñecese que todos os españois e españolas son iguais ante a lei, e aínda que así sexa, a realidade dista bastante das normas escritas sobre o papel. ''Gañamos máis dun 15% menos que eles, o número de contratos temporais duplica ao dos homes, somos polo tanto as que máis sufrimos a precariedade laboral'' asegura Manola Arias.

Nos ámbitos de representación política e empresarial a presenza de mulleres segue sendo moito menor e moitas veces, segundo recoñece Chefa Ermo, é simplemente simbólica. A Lei de Paridade obriga aos partidos políticos a que a metade dos seus representantes sexan mulleres pero isto só se cumpre ''para saír na foto, porque en realidade nos cargos menores non hai paridade''.

O mesmo ocorre nas empresas, a pesar de que, como recoñece a ex sindicalista de CCOO ''a maioría das tituladas son mulleres''.

A pregunta é: porque se segue a dar esta situación de desigualdade? Manola Arias cre que a resposta está nas trabas que a sociedade lle pon a muller para o acceso a eses cargos. ''Moitas veces ocorre que os xefes non lle dan a oportunidade polo mero feito de ser mulleres, outras, son as cargas familiares as que llo impiden, o coidado da casa, o coidado dos fillos''.

Na mesma liña Chefa di que para esta sociedade ''o papel fundamental da muller é o do coidado dos fillos, pais, nais e sogros. Agora tócanos convencer de que ese traballo non nos corresponde só a nós polo mero feito de ser mulleres''.

Deixar de reivindicar para celebrar
Se algún día somos quen de conseguir que o oito de marzo non sexa o día para protestar pola desigualdade significará que as mulleres e os homes teñen os mesmos dereitos reais. Chefa Ermo, Rosa González e Manola Arias están de acordo en que ese sería un día de festa para celebrar todo o acadado.

A ex sindicalista de UGT recoñece estar orgullosa de que ''cada ano poñamos o listón un pouco máis alto, pero gustaríame que as próximas xeracións tivesen o oito de marzo como un día de festa para recordar e evocar todo o que as mulleres fixeron ao longo da historia''.

Que a efeméride do oito de marzo mude a súa natureza reivindicativa por outra de commemoración é un labor que nos corresponde a todos todos os días do ano. Chefa Ermo recorda que os problemas das desigualdades de xénero existen durante todos os meses non só os marzos e iso é algo que so podemos cambiar facendo autocrítica. ''Os medios de comunicación adicades o mes de marzo a visualizar os problemas, pero só durante ese mes, despois desaparecemos''.

Comentarios