'Vivan as tardes!' arranca a ano como un dos espazos favoritos dos galegos

O programa de Pili Pampín e Yolanda Vázquez acadou unha cota de pantalla do 13,2% o día 1

Pili Pampín
photo_camera Pili Pampín

LUGO. O programa ‘Vivan as tardes!’ da Televisión de Galicia non puido ter mellor entrada de ano, pois se situou o pasado día 1 de xaneiro como un dos espazos máis vistos a nivel estatal —na súa franxa horaria— acadando unha cota de pantalla do 13,2%, rexistrando o minuto de ouro ás 19.28 horas da tarde e preto de 150.000 espectadores.

A cifra sitúa a este programa que conducen Pili Pampín e Yolanda Vázquez por diante doutras emisións, tales como Mujercitas, en Telecinco (11,7%), Madagascar 2, en Cuatro (7,5%) ou Algo de que hablar (3,1%), en La Sexta.

Deste xeito, ‘Vivan as tardes’, cunha taxa de audiencia que supera a media da canle autonómica, consolídase como unha das apostas máis fortes na grella da Televisión de Galicia dende que debutara o pasado outono.

Quizais o seu segredo estea no seu formato de corte familiar, con historias próximas, moi achegadas ao telespectador. Historias como a de amor de Mónica e Chevi e a súa carreira de obstáculos, que foi un dos contidos que namorou o público no comezo do ano novo.

Outras convidadas para un día tan especial como o primeiro de ano foron Victoria e Mercedes, dúas encantadoras mulleres que xa pasan dos 74 e que non están dacordo con iso de que calquera tempo pasado foi mellor. Coas súas reflexións arrincaron máis dun sorriso.

Ademais, o programa contou cunha actuación moi especial, a de dous pequenos xenios do escenario, Iván e Iker. Fixeron as delicias dos televidentes ao poñerse na pel do Combo Dominicano ou do mesmísimo Raphael.

Os valores do programa son «a empatía, a ilusión, o interese polas vidas dos demais e a aprendizaxe da solución dos problemas cotiáns, algo que se intenta tansmitir través dos testimonios e anécdotas dos convidados que visitarán o programa diariamente», manifestaba case como unha declaración de intencións a canle autonómica nun comunicado antes da estrea do novo espacio. Efectivamente, esa empatía co público galego parece estar a funcionar.

‘Vivan as tardes!’ é un espazo de familiar de entrevistas e entretemento coproducido por El Progreso e Zenit TV.

Liderado absoluto nas autonómicas
A canle publica galega comezou o ano sendo a máis vista en Galicia e no cómputo total entre as canles autonómicas. Ao liderado absoluto que a TVG acadou o día 1 (12,8% no conxunto do día e 10.3 no prime time), hai que engadirlle o destacado respaldo que a audiencia lle otorgou á programación da Televisión de Galicia no periodo de Nadal, tanto nos programas de entretemento coma en informativos

Badaladas
Na última xornada do ano, a TVG despediu o 2017 sendo líder no ‘total día’, cun 17,1% e acadando na faixa de maior consumo televisivo ou prime time un 18,9%. En concreto, o Especial Fin de Ano obtivo unha sobresaínte cota de pantalla de 21,3% e unha audiencia media de 158.000 espectadores, situándose nun 15,1% de ‘share’ o seguimento das badaladas de Fin de Ano.

Decembro
A TVG, rexistrou no mes de decembro os datos máis altos do ano cunha cota do 11,2%. 

Comentarios