Xermolos lanza un vídeo para concienciar sobre a necesidade de salvar a casa de Díaz Castro

A asociación cultural de Guitiriz busca apoios para rehabilitar a vivenda na que naceu o poeta vilarego
Un instante da rodaxe do vídeo
photo_camera Un instante da rodaxe do vídeo

A asociación cultural Xermolos de Guitiriz lanzou este mércores o primeiro dos vídeos realizados co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de salvar a casa natal do poeta vilarego Xosé María Díaz Castro. "Queremos chegar á xente, que todas as persoas que o vexan poidan sentir o proxecto como seu", indican os promotores da iniciativa, que contou con numerosos apoios. 

Preto dun cento de persoas, na súa maioría guitiricenses, colaboraron desinteresadamente na materialización desta curta –e doutra que se lanzará proximamante–, cuxo guión parte de Bruno Pena e José Manuel Veiga, mentres que na gravación traballaron o propio Pena e o fotógrafo Suso Pena. 


Neste primeiro vídeo aparecen representantes de distintos oficios tradicionais, uns mestres, un grupo de música, uns peregrinos ou veciños xogando ás cartas ou no centro de saúde. O segundo, protagonizado por guitiricenses en escenarios coma o instituto, a escola de música, un bar, a Ruta da Auga, o Campo da Feira ou Pardiñas, lanzarase en dúas semanas. 


Os dous contan cun final común, a casa de Díaz Castro a vista de dron, unha toma que permite aprezar tanto o seu deteriorado estado como o contorno natural no que se localiza. "Cremos que logran o obxectivo, que é provocar a atención e implicar a todos os sectores e a xente de todas as idades, dende os mais pequenos aos maiores, meténdonos no corazón do proxecto", resumen. 

Esta proposta, así coma outras lanzadas nos últimos meses por Xermolos, busca impulsar a rehabilitación dun inmoble que lle foi cedido á asociación e que esta quere converter –xa ten o proxecto arquitectónico– nun centro de dinamización cultural e social, que sirva para reactivar o rural. 

Comentarios