Xosé ramón Gayoso é tan falangueiro como di na televisión e ri forte e con ganas. Mentres ten lugar esta conversa, está a preparar un novo Luar, "porque se non o tes estudiado, logo o día do exame ben que se nota". Mentres rematan a actual tempada, "será o derradeiro venres de xullo", ultiman tamén as novidades para a vindeira, que regresa en setembro, "coma os rapaces á escola".
Podería contar cal é a chave da incrible lonxevidade de Luar?
O único que sabemos é que lles gusta aos espectadores. Foi un espazo que se converteu nun fenómeno de audiencia xa ao principio, no segundo ano de emisión. Nós somos xente moi aberta, que ten a vista e os oídos preparados para aceptar novos plantexamentos. Luar coincidiu tamén nun momento no que a música galega estaba a dar novas propostas e novas estéticas, con xente e grupos como Carlos Núñez, Berrogüetto, Budiño, Mercedes Peón, Son de Seu... Polo Luar teñen pasado os máis vellos informantes e os máis novos intérpretes.
Non hai secreto, entón?
O traballo. Nós non entramos en se facemos un bo programa ou un mal programa. Estamos abertos ás críticas, ademais. Pero ao que non renunciamos e ao traballo e á ilusión. Á ilusión polos compañeiros. Dámoslle moita importancia ao elemento humano. Non se poden explicar 23 anos de convivencia se non nos levasemos ben.
Nestes 23 anos, o Luar mudouse desde a discoteca Dona Dana de Touro ata o plató 1.000 de Montouto. Que gañaron e que perderon no troco?
Estivemos en Touro durante máis de trece anos e alí sentímonos moi queridos. Ata temos unha praza Luar!!! A TVG decidiu levar o programa ao plató 1.000 de Montouto, e Teo, que ten as condicións propias para facer televisión. Porque Dona Dana non deixa de ser unha discoteca. De todos xeitos, temos un cariño enorme a esa parte da nosa historia e...
"Ao principio, aos artistas que viñan de fóra sorprendíalles que nós lles elixísemos as cancións, porque TVE non o facía"
Conte, conte.
Non é a primeira vez que un artista se nos marcha a Touro. Resulta que temos fixada a hora de ensaio, non aparece... E recibimos a chamada de que está en Touro.
Hai uns anos, Karina, daba as grazas nunha entrevista pola existencia de Luar para a xente da súa xeración que queren facer televisión sen ter que pagar a peaxe do corazón. Por outra banda, tamén a presenza destes artistas da vella garda -El Consorcio, Los del Río, María del Monte- en Luar é moi criticada. Vostede como o ve?
Ou Manolo Escobar ou Rocío Jurado, que forman parte do que escoitou moita xente, do que lles gusta. Meus pais, por exemplo, teñen 94 e 92 anos. Pero é que a xente que tiña 30 ou 40 cando empezou Luar hai 23 anos ten agora cincuenta e tantos ou sesenta e tantos anos. Coido que non son xustos de todo con esa crítica, porque se veñen Los del Río, cantan tres cancións e eu falo un cacho con eles, son 15 minutos de programa. E tes outras tres horas e cuarto cada semana nas que non están Los del Río!!! Hai agrupacións tradicionais, concursos, humor, folk... Nós nunca fomos de sacar peito. Estamos aí; son 23 anos e as audiencias non son opinión. As críticas son ben recibidas, pero moitas veces quedan na metade da verdade.
Ademais, dun tempo a esta parte, tócalles competir na mesma franxa co corazón e o lercheo.
Son novos formatos de televisión comercial que teñen por obxecto conseguir audiencia que se traduza en publicidade e cartos. O noso obxectivo prioritario non é obter cartos, senón rendibilidade social. Por iso Luar non existiría nunha privada. Non é un negocio.
"As broncas por teléfono son parte do show. A min tampouco me gustaría que me espertasen, a verdade"
É unha loita complicada?
Nós apelamos aos sentimentos máis elevados do ser humano: a música, a arte, o sorriso... e os que están en fronte apelan tamén a uns instintos moi primarios, pero diferentes.
En Galicia, polo de agora están a gañar a pelexa.
Ímonos adaptando aos tempos, pero hai un punto de conexión co primeiro Luar. Somos fieis á alma do programa e temos a premisa de que Luar é Galicia. Aínda así, sabemos que en Galicia hai máis cousas que as que sacamos en Luar, que hai un mundo de rock, unha escena alternativa, á que deberemos abrirnos, porque a audiencia cambia en 23 anos.
A que cousas non renuncian para manter o espírito 'luareiro'?
Coidamos o detalle ao máximo. Ao principio, aos artistas que viñan de fóra sorprendíalles que nós lles elixísemos as cancións, porque TVE non o facía, non controlaba o repertorio. E nós dicíamos: "Queremos a Rocío Jurado con estas cancións, porque nos interesa para este programa concreto". É algo que nunca se tiña feito.
Como leva as broncas por teléfono que lle caen de cando en vez?
Son parte do 'show'. Non hai preaviso e chamamos moi tarde. A min tampouco me gustaría que me espertasen, a verdade, sobre todo agora que os fixos só os usan os familiares e, a esas horas, para dar malas noticias. Aínda así, é unha gamberrada pequena en comparación coas gamberradas que se fan ao lado [en referencia as canles privadas].
Vese noutros 1.000 'luares' máis?
Cando levaba 15 anos fixéronme esta pregunta e pensaba que outros 15 anos máis serían moito. Agora xa calo a boca. Teño 59 anos... Eu que sei!!!