Un detido en Vigo por tirar botellas á súa parella e arrastrala por unha leira

Malia negar os feitos, o home foi detido pola suposta comisión dun delito de violencia de xénero
Policía Local de Vigo. ADP
photo_camera Policía Local de Vigo. ADP
Un home de 52 anos domiciliado en Vigo, S.V.R., foi detido tras, supostamente, ter lanzado botellas á súa parella durante unha discusión e tirarlle do pelo para arrastrala pola leira dunha vivenda abandonada na que se atopaban. 

Segundo trasladaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar este sábado sobre as 00,14 horas, cando un veciño alertou aos axentes de que comezara unha discusión entre unha parella nunha vivenda abandonada da zona de Castrelos, así como de que estas se producían de xeito habitual. 

Tras desprazarse ao lugar, os policías entrevistáronse coa muller, que explicou que a súa parella comezara a increpala e a tirarlle botellas durante unha discusión. 

Ademais, indicou que a suxeitara polo cabelo para arrastrala pola leira do domicilio ata que ela puido soltarse e fuxir cara á rúa para pedir auxilio. Así, os axentes comprobaron que presentaba feridas recentes nos xeonllos que podían deberse a que fora arrastrada e solicitaron a presenza dunha ambulancia para que a atendese. 

Mentres, o home negou os feitos e asegurou que a muller saíra á rúa debido a que el a botara da vivenda. No entanto, foi detido pola suposta comisión dun delito de violencia de xénero. 

Comentarios