Unha persoa necesitou a axuda dos Bombeiros de Betanzos na tarde deste sábado despois de sufrir un accidente cun tractor no lugar da Fraga, no concello coruñés de Sada. De feito, segundo a información facilitada polos bombeiros ao 112 Galicia, foi necesario o uso do material de excarceración para liberar á persoa que rematou atrapada ao envorcar o vehículo agrícola.
O incidente ocorreu na parroquia de Veigue ao fío das 16:30 horas. Foi nese momento que os axentes da Policía Local contactaron co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para informar da situación e solicitar a intervención dun equipo de excarceración.
Así, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos, aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil de Sada.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron que excarceraron a persoa ferida que, posteriormente, foi atendida polo persoal sanitario.