Máis de 48.000 electrodomésticos substituídos no Plan Renove 2007

Un total de 48.616 electrodomésticos foron substituídos no marco do Plan Renove 2007, o que supón un 25% máis con respecto ó Plan Renove de 2006, destacando o aumento das substitucións de frigoríficos, que foi dun 58%.

O prazo de presentación destas solicitudes comezou o 1 de xuño e estaba previsto que durase até o 31 de decembro, pero o 3 de agosto, debido o éxito da convocatoria, esgotáronse os fondos asignados, que se incrementaron este ano nun millón de euros.

En toda Galicia adheríronse ó Plan Renove 824 establecementos. Por provincias, A Coruña sitúase en primeiro lugar cun total de 298 comercios adheridos; seguida de Pontevedra con 270; Lugo con 140 e Ourense con 116.

En canto ó volume de vendas, do total de 48.616 electrodomésticos os máis demandados foron as lavadoras e frigoríficos, con 22.387 e 19.303 unidades vendidas respectivamente. Ademais tamén vendéronse 4.088 conxeladores e 2.847 lavalouzas.

Aforro enerxético
O fin desta iniciativa é fomentar a redución do consumo de enerxía eléctrica no sector doméstico, a través da substitución de electrodomésticos antigos por equipos con etiquetado enerxético de clase A ou superior, máis eficientes enerxéticamente.

Esta medida supuxo un aforro de 24.463 Mwh por ano, equivalente ó consumo eléctrico anual de 7.413 familias. Estes datos superan nun 33% os 18.444 Mwh conseguidos o ano pasado.

Comentarios