Perde a vida un veciño de Santa Comba ao quedar atrapado debaixo do seu tractor

Os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento

Un veciño de Santa Comba perdeu a vida despois de envorcar o tractor que manexaba na localidade de Pombal, no municipio coruñés de Santa Comba.

Debido á posición na que se atopaba o vehículo, foi necesaria a intervención dos equipos de emerxencia para rescatar o corpo do home, que quedou atrapado debaixo da estrutura do tractor.

O 112 Galicia tivo constancia do incidente ás 21:00 horas da pasada noite tras recibir a chamada de alerta dos axentes da Policía Local. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, un varón sufrira un accidente co seu tractor e caera por un terraplén na parroquia de Ser, nunha área de monte próxima á estrada.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santa Comba e do GES de Brión.

Unha vez no lugar do accidente, os equipos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración para liberar á vítima. Desafortunadamente, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.

Cómpre sinalar que para prestar apoio aos efectivos de intervención e aclarar as circunstancias do suceso, desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil e ao Servizo Municipal de Protección Civil.