Os restos achados en febreiro en Asturias son os dun rapaz desaparecido de Narón

Fiz Patiño Rubal, de 23 anos, faltaba da súa casa desde o pasado mes de novembro
Fiz Patiño
photo_camera Fiz Patiño

As probas de ADN confirmaron que os restos humanos achados por dous senderistas o pasado 28 de febreiro no lugar de Alguerdo, no municipio asturiano de Ibias, son de Fiz Patiño Rubal, un mozo de 23 anos veciño da parroquia de San Xiao, en Narón.

Os familiares de Fiz Patiño denunciaran a súa desaparición a mediados do mes de novembro de 2020. O mozo comunicara que se trasladaba a unha localidade de Lugo e que despois pasaría uns días en casa dun amigo.

Con todo, os seus familiares e achegados nunca tiveron noticias del. Pasadas unhas semanas, presentaron unha denuncia na comisaría da Policía Nacional e activouse un dispositivo de procura no que tamén colaborou a plataforma SOS Desaparecidos.

En febreiro, uns senderistas que camiñaban por un camiño en Asturias atopáronse cuns restos humanos. Os indicios apuntaban á posibilidade de que o cadáver correspondese a Fiz Patiño, xa que no lugar apareceron varias das súas pertenzas persoais, como unha mochila desta cor verde.

Este extremo foi confirmado a través das probas de ADN, segundo apuntan fontes consultadas por Europa Press.