A Deputación de Pontevedra aposta en Fitur pola súa cultura, gastronomía e patrimonio

O Concello de Pontevedra lanzou O regreso dos seres extraordinarios, un vídeo que centrará a campaña multimedia que presentará este venres na feira
'Es tu momento' é o lema da campaña que a Deputación presenta en Fitur
photo_camera 'Es tu momento' é o lema da campaña que a Deputación presenta en Fitur

A Deputación de Pontevedra lanzará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa campaña turística 'É o teu momento', coa que remarcará que "agora é o momento de viaxar á provincia de Pontevedra, ás Rías Baixas"

É o momento "de gozar da nosa paisaxe, da nosa cultura, da nosa gastronomía, do noso patrimonio, deses lugares nos que te vas a reencontrar contigo mesma, contigo mesmo", subliñou a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva. 

En declaracións a Europa Press, Silva incidiu en que "ata agora" non se podía viaxar, aínda que "coas vacinas xa é posible". Por iso, recalcou, van presentar en Fitur esta campaña "potente, dinámica, moderna". 

"Animamos á xente a que veña a gozar, a vivir, a ser feliz; porque agora si é o noso momento, agora si é o teu momento", resolveu. A presentación da Deputación de Pontevedra, que poderá seguirse virtualmente a través da súa web e redes sociais, celebrarase ás 12.00 horas deste xoves e contará coa viguesa Noa García como condutora.

DESTINO MULTIEXPERIENCIAL. Esta campaña contou cunha primeira fase, na que os datos "foron moi positivos". Tras iso, unha vez que a campaña sexa presentada en Fitur, lanzarase a súa segunda fase, que irá acompañada de accións de reforzo no mes de xuño e no último trimestre do ano. 

A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra propón a provincia como un destino sustentable, hospitalario e seguro e multiexperiencial. Todo iso co obxectivo de captar visitantes "dun modo responsable e desestacionalizado".

O REGRESO DOS SERES EXTRAORDINARIOS. Pola súa banda, a Concellería de Turismo de Pontevedra lanzou este mércores O regreso dos seres extraordinarios, un vídeo que centrará, xunto co libro de destino Pontevedra de corazón, a campaña multimedia que o ente turístico presentará este venres 21 de maio ás 10:30 horas en Fitur.

A peza audiovisual, realizada por Fernando Portela, está protagonizada polas personaxes de fantasía de Pablo Mèndez Performances, que nos convidan a realizar un paseo videográfico pola cidade a través do seu mundo máxico.

O vídeo será presentado no Pavillón de Galicia na Ifema nun acto que estará conducido e presentado polo escritor Manel Loureiro; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a concelleira de Turismo, Yoya Blanco.

Entre as accións de promoción que Visit Pontevedra levará á feira de Fitur para posicionar a Pontevedra como destino turístico tamén se inclúe a Caixa Branca, un contedor cheo de sorpresas, merchandising e regalos motivacionais (fabricada polo Centro Ocupacional de Juan XXIII); unha xincana urbana virtual para investigar sobre o concello e diverso material promocional como camisetas, USB e chapas.

Comentarios