domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

A Deputación convida os visitantes a "namorarse" das Rías Baixas

Autoridades presentes na inauguración da campaña. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Autoridades presentes na inauguración da campaña. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Na presentación da campaña en Fitur, Silva destacou a "gran fortaleza" do sector turístico pontevedrés

 

A Deputación de Pontevedra presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) unha campaña de promoción turística da provincia que, baixo o slogan É o teu momento, convida os visitantes a "namorarse" das Rías Baixas.

Na presentación da campaña, a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou a "gran fortaleza" do sector turístico pontevedrés cuxo comportamento foi "exemplar" durante a pandemia fai "mirar cara ao futuro de maneira moi optimista".

O audiovisual que acompaña a esta campaña aposta por compartir co público as paisaxes naturais, a cultura ou a gastronomía das Rías Baixas e, en pleno Xacobeo 21-22, tamén centra parte do seu tempo nos roteiros de peregrinación a Santiago.

 

"É unha campaña que toca emocións e chega ao corazón", defendeu Silva, que engadiu que "fala dun lugar máxico, dun verdadeiro paraíso coidado por un sector do que temos que sentirnos moi orgullosos".

O turismo na provincia, augurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, crecerá "de forma exponencial" nos próximos meses "porque este é un gran destino".

"Se queren recuperar a felicidade despois dun tempo tan difícil, se queren gozar dun lugar que namora e non deixa a ninguén impasible, non poden deixar de regresar. Esperámosvos cos brazos abertos", concluíu Carmela Silva.

A Deputación convida os visitantes a "namorarse" das Rías Baixas
Comentarios
ç