O Eixo Atlántico por dentro

Natureza, historia, arquitectura, gastronomía e, ademais, a seguridade necesaria en tempos de pandemia. Todo isto e moito máis ofrecen as cidades do Eixo Atlántico. 35 destinos repartidos entre Galicia e o norte de Portugal que lles convidamos a descubrir
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera A Ponte Velha de Mirandela. EP

2020070911093263000Sen longos desprazamentos a destinos afastados nin aglomeracións. Así deben ser as vacacións do verán que acaba de comezar e así son as dúas rutas que debuxan as 35 cidades do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Un vehículo, sete días e moitas ganas é o único que se precisa para gozar delas. Se a tranquilidade está garantida, a paisaxe, a gastronomía e todos os ingredentes que converten unha viaxe nunha experiencia especial, tamén.

InterregNada mellor que comezar a primeira das rutas, a que levará ao viaxeiro caro ao interior do Eixo, cunha boa dose de mar e costa na Mariña Lucense. Desde Ribadeo ao Vicedo, o Cantábrico ofrece estampas naturais únicas coa maxestuosa Praia das Catedrais como exemplo máis ilustrativo. Barreiros, coa Praia de Lóngara; e Foz, coa da Rapadoira, son tamén paradas imprescindíbeis. Asemade, obrigada é a visita a Cervo, onde o Marqués de Sargadelos fundou a famosa fábrica de cerámica no século XIX; Burela, onde está un dos maiores portos pesqueiros de Galicia e, por suposto, Viveiro, a vila máis monumental de toda A Mariña.

Sempre conxugando a paisaxe co bo comer e o bo beber, a ruta percorre os verdes prados da Terra Chá, con Vilalba e a Torre dos Andrade como punto de referencia, para chegar a Lugo, cuxa impresionante Muralla Romana, a mellor conservada da península, é unha invitación non rexeitábel a viaxar no tempo. Mais do mesmo xeito que é imprescindíbel percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario tamén o é visitar o burgo vello ou a catedral (declarada, xunto coa muralla, Patrimonio da Humanidade pola Unesco) e gozar do polbo á feira, o lacón con grelos ou as filloas con mel.

Desde Lugo o camiño polos paraísos do Eixo descende ata Sarria, unha das paradas fundamentais do Camiño Francés a Santiago de Compostela. O Mosteiro da Madalena, fundado no século XII para dar acollida aos peregrinos, e a Torre do Batallón, a única que se conserva da antiga fortaleza de Sarria do siglo XIII, son os monumentos máis destacados da que hoxe en día é unha moderna localidade con amplas zonas de lecer como a Praza da Vila, o Paseo do Malecón ou o Parque do Chanto, así como restaurantes nos que degustar o seu famoso cocido de porco celta. Mais non se pode pasar por Sarria sen achegarse a Samos e visitar o emblemático Mosteiro de San Xulián. Fundado no século VI, o templo, hoxe benedictino, é un dos tres mosteiros que aínda están habitados por monxes en Galicia. Destacan os seus dous claustros e a súa igrexa barroca de gran porte e presenza.

A seguinte parada será Monforte de Lemos, aínda que, antes de chegar e segundo o itinerario escollido, o camiño convida a facer algunha que outra pausa para contemplar, por exemplo, pazos como o de Dompiñor, que se ergue sobre o val do Incio. Máis que xustificado está tamén achegarse ata Folgoso do Courel e visitar a aldea de Seceda, cuxa restauración converteuna nun lugar cheo de encanto e contribuíu á declaración do municipio como Ben de Interese Turístico. Pensar na Serra do Courel e facelo tamén na dos Ancares, xa que xuntas conforman a maior reserva verde de Galicia e un xeodestino considerado Lugar de Importancia Comunitaria na Red Natura 2000. Ademais de fermosas paisaxes de montaña, nos Ancares aínda se conservan pallozas, ancestrais construcións de orixe prerromana. 

[Os escolapios de Monforte]

Os escolapios de Monforte

Chegar a Monforte de Lemos supón atravesar a porta de entrada á Ribeira Sacra, un dos lugares máis singulares de Galicia. Os seus ríos, bosques, paisaxes, monumentos románicos e viñedos emprazados en empinadas ladeiras nas que se practica a chamada viticultura heroica convérteno nun destinoque gaña cada día máis adeptos, sendo, por méritos propios, a impresionante garganta de roca, auga e caprichosas curvas do Canón do Sil o principal reclamo. No tocante ao patrimonio, hai documentados ata 85 mosteiros románicos, entre os que destaca o de Santo Estevo de Ribas de Sil, reconvertido en Parador de Turismo, ou o de San Pedro de Rocas, un espectacular templo excavado en roca viva.

Mais Monforte, posuidora do título de cidade desde que Alfonso XII llo concedera en 1885, é máis que o epicentro da Ribera Sacra. Nacida dos amoríos entre o monte de San Vicente, o val de Lemos e o río Cabe, ofrece aos visitantes unha chea de atractivos. No monte atópase o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, formado pola Torre da Homenaxe, o Mosteiro Benedictino e o Pazo Condal.

[A torre do Batallón de Sarria. EP]

A torre do Batallón de Sarria. EP

De obrigado cumprimento é pasear polo Casco Antigo, unha xudaría moi ben conservada; coñecer os restos da antiga muralla, coa Porta da Alcazaba e a Porta Nova; atravesar a Ponte Vella e, por suposto, visitar o Colexio de
Nosa Señora da Antiga, tan espectacular que moitos o coñecen como o Escorial galego. De estilo herreriano, é un enorme edificio do século XVI que, ademais, alberga dous fermosos e valiosos cadros de El Greco: San Lorenzo e San Francisco.

[Os canóns do Sil]

Os canóns do Sil

CAMIÑO DE OURENSE. Coa vista posta na capital ourensá, cómpre deterse antes no Barco de Valdeorras e no Carballiño. A capital da comarca de Valdeorras, situada no val do Sil, baixo a Serra do Eixe, ofrece un saboroso cóctel de gastronomía, enoloxía e natureza. Non en van, é tamén a capital do botelo, produce un viño con denominación de orixe e é un excelente lugar de partida para realizar excursións ao Parque Natural da Serra da Lastra, Peña Trevinca, O Courel e ao conxunto arqueolóxico das Médulas. Polo que respecta ao seu patrimonio histórico, ten na torre e na fortaleza medieval do Castro o seu maior símbolo. O complexo monumental é, ademais, un espléndido mirador que ofrece a mellor estampa da vila e do Malecón, o paseo fluvial do río Sil.

[O parque natural de Alvao]O parque natural de Alvao

No Carballiño, berce dos pulpeiros e pulpeiras de Galicia, o menú xa está decidido de antemán: polbo á feira. No tocante ás visitas non son, desde logo, desprezábeis. Xa que conta cun casco antigo declarado Conxunto
Histórico-Artístico, no que resalta o Barrio das Flores e o grandioso Templo da Veracruz, obra póstuma do arquitecto Antonio Palacios construída na súa totalidade con materiais da comarca, en especial granito e lousa. Ademais, O Carballiño, coñecido tamén polas augas minerais que brotan á beira do Arenteiro, posúe dous balnearios: un creado en 1900 que leva o nome da vila e o de Caldas de Partovia, reformado integramente en 2017.

[O templo de Veracruz de O Carballiño]O templo de Veracruz en O Carballiño. EP

E os amantes do patrimonio galego e da espiritualidade non poden prescindir dunha visita ao mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira, situado no concello de Cea, a tan só 20 quilómetros do Carballiño. Enclavado na serra Martiña, este cenobio fundado no século XII é, sen dúbida, un dos grandes monumentos de Galicia.

Xa en Ourense, as augas son as protagonistas: as do río Miño, que bañan a cidade, e as termais. Non é estraño que os mananciais das Burgas sexan a estampa máis famosa da cidade, mesmo superando á fermosa Catedral de San Martiño e á Praza Maior co seu chamativo chan inclinado. Malia que, para visitas, as que reciben os distintos espazos termais que acollen as marxes do Miño, como A Chavasqueira ou Outariz. Por ser unha cidade ‘de auga’ en Ourense destacan tamén as pontes. Ata oito atravesan o Miño ao seu paso pola capital ourensá, sendo as máis destacadas a Medieval, a máis antiga, e a do Milenio, a máis recente.

[O santuario do Bom Jesús de Braga​]

EN TERRAS LUSAS. Desde Ourense a ruta pon rumbo a terras lusas. O destino será a cidade de Bragança. Emprazada no extremo noreste de Portugal (na montañosa rexión de Trás-os-Montes), a tan só 22 quilómetros da fronteira española e 104 de Zamora capital, a cidade é a porta de entrada en Portugal da Vía da Prata.

Chamada a pequena Ávila por contar cun recinto medieval murado completo moi ben preservado, Bragança convida a adentrarse na súa historia. A cidadela, coa súa impresionante muralla de 15 torres cuxa orixe data de 1377, ofrece incontábeis paseos e monumentos. O primeiro, o imponente castelo, un dos máis belos de Portugal, do que atrae todas as miradas a desafiante Torre da Homenaxe, de 33 metros de altura. Moi preto do castelo, a Domus Municipalis, un edificio de arquitectura románica civil único na Península Ibérica. Completan a lista de imprescindíbeis a igrexa de Santa Maria da Assunção; o Pelourinho, unha picota de estilo gótico que ten a particularidade de que descansa sobre unha escultura de granito coñecida como a Porca da vila, e os seus numerosos museos (o Militar, o da Máscara e do Traxe...).

[Peso da Regua​]

Peso da Regua

Mais Bragança é tamén natureza, xa que nos seus arredores se atopa o Parque Natural de Montesinho, 75.000 hectáreas que conforman un mosaico de devesas, carballeiras, castiñeiras e canóns profundos aderezado con antigas aldeas de pedra cuxos habitantes manteñen vivas as tradicións rurais.

A seguinte parada é Macedo de Cavaleiros, un destino especialmente recomendado para os amantes da natureza no que destaca a Paisaxe Protexida da Albufeira do Azibo, en pleno corazón do Nordeste Trasmontano, delimitada polas serras de Bornes e Nogueira. Ademais de gozar das estampas que pintan carballos e sobreiras, entre as actividades que se poden realizar neste espazo destacan a observación de aves, o piragüismo, o sendeirismo e o baño en praias fluviais como a da Ribeira ou da Fraga da Pegada. Ademais, toda a superficie do municipio (case 700 quilómetros cadrados) está recoñecida pola Unesco como Xeoparque Mundial. Así, o denominado Xeopark Terras de Cavaleiros conta con 42 xeositios de interese desde o punto de vista científico que dan testemuño dunha historia de máis de 400 millóns de anos. Para descubrilo existen 24 rutas pedestres sinalizadas.

[Balneario castrexo de Barcelos]

Balneario castrexo de Barcelos

E, xa no corazón de Trás-os- Montes e o Alto Douro, sitúase Mirandela, unha hospitalaria e axardinada cidade bañada polo río Tua. Trátase dunha localidade baseada fudamentalmente no comercio con preciosos lugares para percorrer, como a Ponte Velha, unha pintoresca construción medieval ornamentada con flores (declarada Monumento Nacional); a zona peonil do centro, unha auténtica pasarela de escaparates e comercios, e o casco histórico, no que destaca o Paço dos Távoras, un elegante palacio do século XVIII, clasificado como Inmoble de Interese Público xunto co Solar dos Condes de Vinhais e a Igreja da Misericórdia. Mais o seu orgullo, alén da alheira de Mirandela, un embutido típico da cociña portuguesa, son as súas
oliveiras e o seu aceite.

Seguindo o curso do Douro, nunha zona de transición entre a serra de Marão e o Parque Natural do Alvão, a ruta pasa por Vila Real, unha preciosa cidade na que destaca o seu coidado e acolledor centro histórico, salpicado de encantadoras igrexas antigas, como a Capela Nova, a Capela da Misericórdia, a Capela dos Arroios, a Capela de São Brás ou a Igreja de São Domingos (catedral de Vila Real). Á marxe das igrexas, entre os monumentos sobresaen tamén o Paço dos Marqueses de Vila Real, coñecido como Casa do Arco, e a casa onde naceu o navegante portugués Diogo Cão Escudeiro, explorador da costa occidental de África a finais do século XV.

Con todo, o principal reclamo é a Casa de Mateus, unha mansión barroca do século XVIII, atribuída ao arquitecto italiano Nicolau Nasoni e considerada unha das casas solariegas máis elegantes de Europa. Así mesmo, moi recomendábel é achegarse ao Mirador de Trás-do-Cemitério para gozar das estupendas vistas sobre a garganta dos ríos Corgo e Cabril e, como non, entregarse á gastronomía de Vila Real, na que salientan o cabrito asado con arroz, os embutidos, os callos, o bacallau e pasteis de carne como os covilhetes.

Á beira do río Douro, no extremo occidental da Rexión Norte de Portugal, atópase Peso da Régua, unha cidade que experimentou o seu gran desenvolvemento a partir de 1756 coa creación da Real Compañía Xeral de Agricultura das Viñas do Douro, que estableceu a primeira rexión con denominación de orixe de produción de viño de todo o mundo.

[Guimaraes] 

Peso da Régua tivo un papel preponderante na comercialización do viño do Porto, pois de aquí partían os tonei que o transportaban en barcos rabelos ata Gaia, onde o viño envellecía nas bodegas. Na actualidade segue sendo un importante cruce de vías de transporte debido á xigantesca ponte IP3.

A Real Compañía Xeral de Agricultura das Viñas do Douro dá acubillo hoxe ao Museo do Douro, o cal merece unha visita. A paisaxe é outra das xoias de Peso da Régua. Non en van, está clasificada como Patrimonio da Humanidade.Paga a pena achegarse a miradoiros como o de São Leonardo de Galafura ou o de Santo António de Loureiro para contemplar o panorama que regalan as viñas cultivadas en bancais nas ladeiras xunto ao río ou sucar as súas augas nunha das embarcacións que ofrecen percorridos turísticos. A cidade conta ademais cun curioso e descoñecido casco antigo.

A 10 quilómetros ao sur do río Douro agarda polo viaxeiro Lamego, unha cidade con moita historia cuxa fundación data da época dos romanos. A súa excelente ubicación entre as rutas dos comerciantes entre o Douro e as Beiras e os seus famosos viños (obrigatorio probar o espumoso de Raposeira) permitíronlle acadar un gran desenvolvemento. Lamego é tamén un enxame de monumentos históricos(ten a maior concentración por metro cadrado de Portugal), o que a converte na pequena xoia da coroa. Un dos maiores atractivos turísticos é a sorprendente e maxestuosa escaleira barroca de 686 pasos que ascende en zigzag ata a igrexa de Nossa Senhora dos Remédios, situada nunha colina a 600 metros do mar. O seu centro histórico de estreitas rúas e bulevares arborados tamén agocha importantes monumentos, entre eles, a Sé Catedral de Nossa Senhora da Assunção, de estilo gótico.

"AQUÍ NASCEU PORTUGAL". A pouco máis de 120 quilómetros de Lamego é a quenda de Guimarães, considerada o berce de Portugal porque é a cidade que, no ano 1110, veu nacer a Afonso Henriques, que despois se convertería en Afonso I de Portugal, o primeiro rei do país. Este episodio da historia, tan vencellado á fundación da identidade nacional portuguesa e a lingua, é lembrado tanto a lugareños como a visitantes coa inscrición "Aqui nasceu Portugal" (Aquí naceu Portugal), que se pode ler nunha das torres das murallas erguidas nos séculos XIV e XV que aínda hoxe dan abrigo a esta histórica cidade da rexión do Miño.

Mais o mérito de Guimarães non é só ter un ilustre pasado, senón saber conservalo. Así, polo seu singular deseño en forma de labirinto de rúas e prazas rodeadas por edificacións medievais, o seu centro histórico foi catalogado como Ben Único pola Unesco en 2001 e foi incluído na lista de bens de Patrimonio Mundial.

A Colina Sagrada é a zona máis famosa e histórica da cidade, xa que nela se asentan tres dos principais monumentos: o castelo, elixido como unha das Sete Marabillas de Portugal; a Igreja de São Miguel do Castelo, que garda a pía bautismal de Afonso I, e o impresionante Paço dos Duques de Bragança, de estilo borgoñés.

A Praça de São Tiago, chea de vida e ambiente; a Igreja de São Francisco, de esplendoroso barroco, e o Largo da Oliveira, onde se atopa o Padrão do Salado e a colexiata de Nossa Senhora da Oliveira, que alberga o valioso Museo Alberto Sampaio, non defraudarán ao visitante. Tampouco o fará, xa un pouco máis lonxe do centro, o Palácio e Centro Cultural Vila Flor e os seus xardíns colgantes coas Casas de Fresco e decoracións rococó.

[Casa de Mateus, en Vila Real]
Casa de Mateus, en Vila Real

Despois de Guimarães a próxima escala é en Braga, seguinte punto no Camiño Torres, que parte desde Salamanca e continúa ata Compostela. A antiga Bracara Augusta, fundada hai máis de 2000 anos, é hoxe a terceira cidade de Portugal en número de habitantes e un importante centro económico e cultural no norte do país, ademais do principal centro relixioso, o que queda patente co constante e puntual repenicar das campás das súas máis de 40 igrexas, a maioría barrocas. A súa catedral (ou a Sé), cuxa construción foi ordenada no
século XII polos pais do primeiro rei de Portugal, é a máis antiga do país e nela conviven varios estilos arquitectónicos, que van desde o románico ata o barroco. Nas inmediacións de Braga hai tres centros relixiosos que tamén seducirán ao visitante: o Mosteiro de São Martinho de Tibães, a capela de estilo visigodo de São Frutuoso de Montélios e, como non, o Bom Jesus do Monte, coa súa escalinata barroca que representa o ascenso ao ceo.

Mais non todo é fe e devoción en Braga, o seu casco antigo repleto de animados cafés, os seus centros comerciais e o constante ir e vir dos estudantes das súas dúas universidades garantizan a diversión e confírenlle un plus de modernidade.

A cidade tamén ten unha gastronomía propia que, si ou si, hai que probar, a poder ser, acompañada de viño verde. Destacan o bacallau ao estilo de Braga, o cordeiro asado e, de sobremesa, o pudin Abade de Priscos.

Ao norte da cidade os amantes da natureza gozarán do Parque Natural de Peneda-Gerês, cuxos extremos buscan a aperta da Serra do Xurés, ao sudeste da provincia de Ourense.

Ao oeste de Braga, a pouco máis de 20 quilómetros, non hai que deixar escapar Barcelos, polo que pasa o Camiño Portugués e que é berce dus dos grandes símbolos de identidade tanto para a rexión como para toda a nación de Portugal: o famoso galo de corida crista. É que se algo ten Barcelos é talento artístico, o que lle valeu ingresar na Rede de Cidades Creativas da
Unesco en 2017.

O seu centro histórico é un lugar de visita indispensábel, xa que atesoura prezadas xoias como a ponte medieval de estilo gótico que data do século XIV; o Pelourinho, unha picota de estilo gótico tardío de finais do século XV; a Igreja Matriz da Paroquia de Santa Maria Maior, a Capela de Nossa Senhora da Ponte, o Paço dos Condes de Barcelos (que actualmente alberga o Museo Arqueolóxico), o Museo de Olaria (cerámica), a Torre de Porta Nova, a Igreja de Nossa Senhora do Terço e a Igrejado Senhor Bom Jesus da Cruz.

Barcelos rexistra tamén un gran número de vestixios da época castrexa, como as ruínas do Castelo de Faria, o Poboado Fortificado de Carmona, o balneario de Santa Maria de Galegos ou o Povoado Fortificado de Monte Castro.

En canto á gastronomía, o galo asado, como non podía ser doutro xeito, é un dos pratos tradicionais principais.

A ruta polo interior do Eixo, antes de virar cara á costa, remata en Vila Nova de Famalicão, un concello do Distrito de Braga que comezou a deixar pegada na historia en 1205 coa atribución do foro polo rei Sancho I. O seu remoto pasado queda patente nun rico patrimonio no que sobresae o Castro das Eiras (na Pedra Formosa), a Igreja de Santiago de Antas, os mosteiros de Landim e Arnoso e pontes romanas como as de Lagoncinha e São Veríssimo. Tamén merecen unha visita a casa do grande escritor romántico Camilo Castelo Branco (en São Miguel de Seide) e as magníficas casas señoriais de Vinhal e Pindela.

Os miradoiros de Monte do Facho e Santa Catarina, entre outros, ofrecen excelentes vistas deste concello localizado no corazón verde do Miño, porta de entrada deste río para quen vén do sur e a última referencia para quen vén do norte ou de Galicia. Esta ubicación garántelle unha fermosa paisaxe na que destaca o Parque da Devesa, un recente espazo verde urbano que se estende ao longo de 23 hectáreas.

Mais do que máis presumen os famalicenses é da súa gastronomía, sendo os pratos típicos o bacalhau à lagareiro, o cozido à portuguesa (unha variedade de carnes, salchichas e verduras servidas no seu propio caldo) e os rojões (carne de cerdo frita condimentada con especias, comiño, viño e allo) com papas de sarrabulho (fariña con sangue de porco). E, como acompañante, nada mellor que o chispeante viño verde local.

A segunda parte deste percorrido polas cidades do Eixo continúa a vindeira semana cunha ruta que mira ao mar.

 

Enoturismo: unha viaxe para brindar con grandes viños
Ademais de polos ollos, a ruta polas terras do Eixo Atlántico entra polo padal. Así, á grande oferta gastronómica, que abrangue tanto carne coma
peixe e saborosos doces, hai que engadir un amplo abano de viños cos que combinala. De feito, algúns dos mellores brancos e tintos elabóranse nesta eurorrexión. Denominacións de orixe como as de Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Vinhos Verdes, Porto ou Trás-os-Montes ubícanse en terras do Eixo, abrindo a porta tamén a unha viaxe a través do viño.

Comentarios