Sánchez pasea o nome de Pontevedra por Fitur e comprométese a visitar a cidade

O presidente recibiu unha 'Caixa Branca' con agasallos promocionais da Boa Vila
Pedro Sánchez recibe a bolsa cos agasallos da man de Tino Fernández e Yoya Blanco. PSOE
photo_camera Pedro Sánchez recibe a bolsa cos agasallos da man de Tino Fernández e Yoya Blanco. PSOE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recibiu este venres de mans do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a concelleira de Turismo, Yoya Blanco unha Caixa Branca con agasallos promocionais da cidade de Pontevedra no marco da Feira Internacional de Turismo Fitur 2021. Entre outros artigos, a bolsa incluía un exemplar do libro de destino Pontevedra de corazón, un bolígrafo-USB co vídeo O regreso dos seres extraordinarios e diverso material de merchandising da marca Pontevedra.

Sánchez agradeceu o presente, o único que o xefe do Executivo levou consigo este venres de Fitur, e comprometeuse coa delegación pontevedresa a visitar a Boa Vila tan pronto como situación sanitaria estea totalmente baixo control. "A maxia da nosa cidade conseguiu conquistar na Ifema ao público de Fitur e mesmo o corazón do presidente do Goberno", proclamaron con entusiasmo fontes socialistas.

A visita do presidente foi a guinda dun acto no que o vídeo O regreso dos seres extraordinarios realizado por Fernando Portela e protagonizado polas personaxes de fantasía de Pablo Mèndez Performances brillou pola súa beleza e orixinalidade, no que Fernández e Blanco estiveron acompañados polo escritor Manel Loureiro e que contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a parlamentaria autonómica Leticia Gallego; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Social de Pontevedra, Iván Puentes e Marcos Rey; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; o concelleiro do Grupo Municipal do PP Guillermo Juncal, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Entre os agasallos que se levou Sánchez destaca a obra Pontevedra de corazón, unha publicación de 72 páxinas na que "a cidade fala de si mesma a través de pequenos textos" nos que unha trintena de persoas de diferentes ámbitos achegan a súa particular visión da cidade. Os textos aparecen publicados en tres idiomas (galego, castelán e inglés), de forma desordenada, de xeito que poden lerse en función do azar e a paxinación, perseguíndose ese caos harmónico para diferenciar a publicación dun libro convencional, e foron escritos por Alba Rodríguez Santos, Ana López, Alexander Vórtice, Álex Espiño, Belén López, Celestino Lores, Charo Castro, Diana López Varela, Eugenio Giráldez, Fina Casalderrey, Lydia Pérez Touriño, Liliana Casás, Mercedes Corbillón, Manel Loureiro, Manuel Jabois, María Varela, Miguel Anxo Fernández Lores, Pablo Dapena, Pablo Méndez, Rafa Cabeleira, Rafael López Torre, Rodrigo Cota, Rosanna López Salgueiro, Ramón Rozas, Serxio Barral, Serafín Alonso, Susana Fortes, Susana Pedreira, Xabi Fortes e Yoya Blanco.

A publicación, cuxas últimas páxinas inclúen textos descritivos dos recursos turísticos do municipio e os seus arredores, supón un amplo despregue fotográfico composto por 90 orixinais de Javier Cervera, Beatriz Císcar, Emi Ramírez, Gustavo Santos, Daniel Abollo, Gustavo Marshall, Emilio Suárez, Cristina Saiz e Guillermo González.

As Caixas Brancas que Turismo de Pontevedra abriu en Fitur, fabricada polo Centro Ocupacional da Asociación Juan XXIII, conterán, ademais do material promocional da cidade para os visitantes que desexen participar na xincana urbana virtual (accesible desde a web de Visit Pontevedra), algún bono de restauración e hoteis.

As autoridades, este venres no estand de Pontevedra en Fitur. PSOE

"UNHA CIDADE MILENARIA, ORGULLOSA E DE LENDA". Na súa intervención deste venres en Fitur, Yoya Blanco agradeceu a colaboración de tódalas persoas que colaboraron no libro Pontevedra de corazón, así como no deseño das Caixas Brancas, "que levan no seu interior segredos dunha cidade milenaria e murallas medievais, de tesouros agochados de piratas, de camiños xunto ao río Lérez, descobrendo vellos balnearios e pontes acendidos; segredos de amores de verán nas festas, de ceas nas terrazas ou dun café baixo a choiva". "Todo iso e máis nos levamos. Levámonos a Pontevedra verde, cultural, monumental, gastronómica, familiar... Pontevedra de lenda, e de lendas, e maxia e de fogos. Pontevedra mariñeira, ancestral, histórica, comercial. Pontevedra orgullosa, digna, que se eleva ante os nosos ollos maxestuosa. Cidade descoberta, e por descobrer, neste ano difícil tocou reinventarse e ¡vaia se o fixemos!, coa forza de titáns, bravos e bravas, proxenie de Teucro", aseverou a concelleira de Turismo.

Blanco referiuse a Pontevedra como "unha cidade para chegar e para quedar, para desfrutala e para contala, para sentila e para amala... O lugar ao que sempre querer volver". "Camelias molladas pola choiva sobre a terra das Palmeiras, mentres se escoitan as risas dos nenos e nenas xogando. Imaxes, olores, sabores, retazos da nosa alma. Es as lembranzas... As lembranzas da infancia, polas rúas Charino e San Xulián, da man do meu avó, esa man que tanto añoro, e dos xogos na avenida de Santa María, agardando ao meu pai, mentres escoito á miña nai: Non te alonxes, Yoya! Se aínda non sabes que levamos nesas Caixas Brancas, dígocho: levamos o noso corazón", subliñou Blanco antes de dirixirse aos futuros visitantes da Boa Vila para dicirlles que os agardan en Pontevedra e dar paso ao vídeo promocional.

Trala visualización de O regreso dos seres extraordinarios, tomou a palabra Manel Loureiro, quen asegurou que "unha das cousas máis grandes da cidade de Pontevedra é que ten un emprazamento xeográfico extraordinario, que lle permitiu converterse en referente turístico", xa que resulta un punto de partido perfecto para coñecer tódalas vilas e lugares dos seus arredores. Para Loureiro, "a Pontevedra do futuro está nos seus ríos: durante moito tempo viviu de costas ás súas principais canles de auga e hoxe en día mira cara os seus ríos, co Lérez, un dos ríos máis bonitos de Galicia e de España, convertido nesa gran avenida acuática que se pode empregar para cruzar a cidade, para poder vela e desfrutala dende outro nivel".

“Pontevedra –apuntou o novelista– é unha cidade de acollida, na que ninguén é de fóra e queremos a todos, queremos ver e sentir a todos. Deixádevos levar pola cidade, descobrendo os rincóns extraordinarios que se ocultan detrás de cada esquina, en cada recoveco e praza. Tódolos sitios teñen unha historia e tódolos lugares poden ser un lugar especial que quede na vosa memoria desa experiencia extraordinaria. Os seres extraordinarios non son eses faunos que protagonizan o vídeo... Os auténticos seres extraordinarios sodes todos e cada un de vós, que, ao chegar á cidade, deixades que a súa maxia vos invada. Por un instante, seredes parte de Pontevedra e levarédela sempre no voso corazón".

Pechou o acto Tino Fernández, que lembrou que "desde a Idade Media, hai un dito que está gravado nas pedras da nosa cidade e que afirma que Pontevedra dá de beber a quen pasa" e constatou que "séculos despois, no agora, aquel dito que está esculpido nas mentes de todos nós foise ampliando e seguimos dando de beber en todas e cada unha das fontes que sementan a cidade, sinónimo da nosa hospitalidade”. “E ademais -proseguiu o tenente de alcalde- ofrecemos as nosas comidas en tódalas versións: desde menús que xa levan o selo Michelin ata o das pulpeiras nas nosas innumerables prazas, pasando polas case infinitas posibilidades das nosas carnes, peixes e mariscos".

REFERENTE DA MOBILIDADE. Como afirmou o socialista, Pontevedra ofrece "o sol do noroeste, que quece sen queimar; o orballo que refresca e parece non mollar; as lendas das nosas rúas; o Camiño que leva ata Santiago, ou as portas que se abren cara outros mundos". Na súa opinión, "somos, sen querer exaxerar, o centro das rías máis bonitas do mundo, somos 12 meses diferentes". "Pero temos moito máis. Somos unha cidade dinámica, que avanza e se adapta. Somos un referente en mobilidade, na recuperación de espazos para as persoas. Vir a Pontevedra é pasear tranquilos, sen présas nen agobios, deixando que os nenos gocen de cada recuncho e de cada praza gañada ao tráfico para desfrute das persoas. E desfrutamos do MetroSan, unha rede de circuítos pensados para correr ou andar en bici ou simplemente para pasear, interconectados entre si, a minutos da Praza da Peregrina, aptos para tódalas idades e para tódalas capacidades, con percorridos que nos permiten coñecer a ría e o río, as marismas de Alba, unha auténtica xoia da natureza, a Illa das Esculturas ou as pontes que unen as nosas beiras", asegurou Fernández.

O concelleiro de Deportes subliñou que "somos a cidade do deporte e a actividade física, con capacidade para organizar calquera evento: campionatos do mundo e de Europa nos avalan, e tríatlon, duatlón, balonmán, loita olímpica, piragüismo… Son algunhas das modalidades nas que temos amosado a nosa grande capacidade para xestionar grandes eventos". Neste mesmo sentido, salientou que “non hai fin de semana na que non abunde deporte en Pontevedra” e que “vir facer ou ver deporte a Pontevedra é sinónimo de dispoñer dunha excelente organización e dunha cidade que ama aos deportistas e se volca con eles, unha cidade e unha xente que desfruta acollendo a quenes nos visitan". "Tódolos seres extraordinarios tendes unha cita con Pontevedra", sentenzou Tino Fernández. 

Comentarios