Uns 300 manifestantes en Vigo esixen á Xunta que compre Povisa 

Opóñense á venda do hospital a Ribera Salud
Cabeceira da manifestación contra a venda de Povisa. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Cabeceira da manifestación contra a venda de Povisa. SALVADOR SAS (EFE)

Unhas 300 persoas manifestáronse este xoves en Vigo contra a venda do hospital Povisa a Ribera Salud (da norteamericana Centene) e para esixir á Xunta de Galicia que adquira o centro sanitario e así "defender a calidade asistencial e os postos de traballo". 

A manifestación, que estaba convocada por parte do comité de empresa de Povisa (CIG, CXT-SGPS e CC OO) e a plataforma SOS Sanidade Pública, arrincou minutos despois das 20.00 horas da Praza de España da cidade olívica e estivo encabezada por unha pancarta que rezaba 'Non a venda de Povisa. Pola integración na sanidade pública. Na defensa asistencial e dos postos de traballo'. 

Con berros de 'Feijóo, atende, Povisa non se vende'; 'Conselleiro, escoita, Vigo está en loita'; 'Goberne quen goberne a sanidade deféndese' e 'Povisa está en loita', centos de cidadáns percorreron as rúas viguesas, pasando polo hospital, ata chegar á Praza da Independencia, onde foi lido un manifesto. 

Entre os asistentes, acudiron algunhas caras coñecidas do mundo da política como a cabeza de lista por Pontevedra de Galicia en Común, Yolanda Díaz; o portavoz de En Marea, Luís Villares; a deputada do BNG no Parlamento de Galicia Montse Prado; a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla; así como o concelleiro socialista do Concello de Vigo Abel Losada, e o concelleiro nacionalista Xabier P. Igrexas, entre outros. 

Neste sentido, o portavoz de SOS Sanidade Pública Vigo, Manuel González Moreira, lamentou o "cambio cualitativo" que suporía que Povisa pasase a estar en mans dun grupo americano, que ten un "importante peso económico" o que levaría a ter unha capacidade de presionar á Xunta "infinitamente máis grande" que o grupo Nosa Terra XXI, actual propietario. 

"O máis sanguento é que se venda por 24 millóns de euros. Véndese un hospital dotado de recursos, con persoal, tecnoloxía, con consultas por Gran Vía, cunha escola de enfermaría montada e funcionando por 24 millóns", criticou.

COMPRA POR PARTE DA XUNTA. Para SOS Sanidade Pública, o "máis razoable" sería que a Xunta comprase o centro hospitalario e o xestionase "desde o público", xa que "gasta no concerto case 80 millóns de euros cada ano", polo que González Moreira apelou á necesidade de "decisión política". 

Na mesma liña falou a portavoz do comité de empresa de Povisa, Chus Neira (CIG), quen mostrou a "preocupación" do persoal e trasladou a "desinformación" que teñen desde o comité, xa que non coñecen, segundo dixo, os termos da venda. 

"Parécenos que todo isto vai ser prexudicial para os traballadores e usuarios e trátase dunha porta cada vez máis grande para terminar privatizando a Sanidade aquí en Vigo. É gravísimo", destacou. 

Tamén apostou por que a Xunta compre o hospital e busque "algunha solución ou fórmula" para manter ao persoal, e así acabar co fututo "moi incerto". "Estamos case seguros que vai haber despedimentos. Os custos vai haber que sacalos dalgún lado. Acaban de comprar un hospital en perdas", lamentou. 

Comentarios