Auxiliares do Álvaro Cunqueiro inician un peche contra as sancións do Sergas

Protestan pola imposición de ter que trasladar e depositar bolsas de roupa sucia nos puntos de recollida habilitados ► A dirección do hospital acusa aos manifestantes de "perturbar a tranquilidade nun centro sanitario"

Ao redor dun centenar de auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo iniciaron a media mañá deste xoves un peche de 24 horas no centro, aínda que trasladaron a súa protesta ao exterior do edificio ao instarlles a Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) a "retirarse inmediatamente de lugares non autorizados". 

O colectivo de auxiliares de enfermaría decidiu iniciar un peche de 24 horas desde este xoves para visibilizar o seu rexeitamento á imposición por parte da Xerencia da función de trasladar e depositar bolsas de roupa sucia nos puntos de recollida habilitados. Ademais, esixen que se retiren os expedientes abertos e en trámite e que quiten as sancións impostas a algúns traballadores. 

O colectivo de TCAE (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría) iniciou o peche cunha concentración no hall da entrada principal do hospital, onde cantaron consignas como "xerente dimisión, non é a nosa función", "a Xerencia non funciona, os TCAE non son Acciona", e "negociar non é coaccionar". 

No entanto, a comisión de centro da EOXI recibiu unha carta asinada polo xerente, Félix Rubial, na que os acusa de "perturbar a tranquilidade nun centro sanitario" e trasládalles que a súa obrigación é "protexer aos cidadáns e a unha institución que presta un servizo público esencial". Así, subliña que o peche non está comunicado nin autorizado pola dirección, e ínstaos a "retirarse". 

A lectura desta carta por parte da portavoz da comisión de centro, María José Diéguez, foi acollida ao berro de "xerente, dimisión".

Após iso, a portavoz dos TCAE, Miriam Costas, trasladoulles aos seus compañeiros as consecuencias de continuar co peche dentro do hospital —sancións, expedientes...—, polo que finalmente optaron por trasladar a mobilización ao exterior.

"NON IMOS DOBREGARNOS". A continuación, o colectivo iniciou unha marcha, "en silencio e respectando", polas zonas nas que se atopan os pacientes, con intención de dar a coñecer a súa situación aos usuarios, tranquilizalos e conseguir que os "apoien". "Loitamos polas nosas funcións e por traballar como até agora. Non imos dobregarnos", selou a portavoz. 

En canto a que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mostrouse aberto a dialogar "para poder solucionar" o conflito, a portavoz indicou que no Sergas non se puxeron en contacto con eles para falar, e en todo caso sostivo que "non hai que negociar". 

Comentarios