jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Cincocentas persoas defenden a memoria histórica en San Simón

Intervención de Queta Molas no acto. CEDIDA
Intervención de Queta Molas no acto. CEDIDA

O CPI O Toural de Vilaboa protagoniza o evento anual reivindicando un ensino máis riguroso sobre a historia nas escolas

Profesoras e alumnas de Vilaboa explicaron este domingo, nunha xornada conmemorativa na Illa de San Simón, a importancia dun ensino transparente que "poña fin á normalización social da represión franquista"; promovendo así, entre a mocidade, o respecto aos dereitos humanos e o fomento dos valores democráticos.

Cincocentas persoas déronse cita no evento, a maioría pertencentes a colectivos relacionados coa recuperación da memoria, pero este ano participou tamén unha delegación formada por profesorado e alumnado do CPI vilaboés O Toural.O centro desenvolve un proxecto pedagóxico arredor da ditadura franquista baseado na recollida da memoria oral dentro da propia familia.

Tanto a profesora Susana Vidal como as alumnas Marta Ríos, Ana María Beloso, Lúa Rodríguez, Isabel Couso e Leire Gil insistiron moito no interese que ten "abordar na aula un aspecto que, a pesar do traumático, foi moitas veces silenciado no fogar". Elas foron as elixidas para dirixir o acto central que cada ano se celebra na illa.

Completaban o programa Celia García Pillado (neta de Concha Pillado, rapada e humillada polo bando nacional) e Enriqueta Otero (o seu pai, Eduardo Otero Molas, estivo preso en San Simón), a fin de que contasen a súa propia experiencia na transmisión da memoria oral.

Celia colleu o relevo da xente maior do seu arredor pois, como membro da ARMH do Barbanza, leva anos denunciando non só as vexacións sufridas pola súa avoa e por moitas outras persoas da comarca, senón tamén a pervivencia no seu concello.

Enriqueta, que é un dos máximos referentes da recuperación da memoria en Marín, completaba a temática desta edición falando da súa propia experiencia na escola franquista dos anos 50. A IGM vén denunciando dende hai moito tempo "a exclusión do estudo da historia do levantamento militar fascista contra a República, da represión contra vidas e dereitos durante a ditadura e das pervivencias do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional". Reclama que esta ensinanza se faga "desde unha óptica galega, inserida no coñecemento da evolución histórica do país nas primeiras décadas do século XX e durante a II República, no coñecemento e estudo da devastación humana, social e política causada nel polo golpe militar e na comprensión das consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que tivo para a sociedade actual".

Cincocentas persoas defenden a memoria histórica en San Simón
Comentarios