Conduce ebrio por Vigo e impacta cun coche policial

deu marcha atrás pola Praza de Compostela até chocar co vehículo policial, que se atopaba na parte traseira e procedía a darlle o alto

Policía Local de Vigo. ADP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

A Policía Local de Vigo detivo a F.B.G., home de 20 anos nado e domiciliado na cidade olívica, por un suposto delito contra a seguridade viaria, tras evadir o alto policial con condución temeraria e por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Os feitos sucederon na madrugada do pasado sábado sobre as 00.50 horas cando unha patrulla que circulaba pola Praza de Compostela observou como o condutor dun turismo da marca Renault Clio circulaba a gran velocidade por esta praza en sentido Colón. 

Así, no punto no que esta vía obriga a virar en dirección cara a rúa Reconquista, o vehículo continuou de fronte varios metros por dirección prohibida e, de maneira repentina, realizou unha manobra brusca de derrape coma se o condutor tirase do freo de man. Acto seguido, segundo o relato policial, o condutor deu marcha atrás pola Praza de Compostela até chocar co vehículo policial, que se atopaba na parte traseira e procedía a darlle o alto. 

No momento da identificación do condutor, os axentes verificaron que no devandito turismo atopábanse catro rapaces, incluído o condutor, de idades comprendidas entre os 19 e os 20 anos. A continuación realizáronlle a proba preceptiva de determinación do grao de impregnación alcohólica ao condutor, que deu un resultado positivo de 0,71 mg/l de alcol por litro de aire expirado en ambas as probas. 

Finalmente, os policías procederon á medición da pegada de freada ocasionada na vía pública polo Renault Clio, que alcanzou unha lonxitude de 17,4 metros. E por todo iso procederon á detención do condutor. 
 

Comentarios