O Consello de Ministros aprobou este venres o real decreto polo que se nomea delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo a David Regades.
Nacido en Vigo en 1973, Regades é segundo tenente de alcalde e concelleiro de fomento, contratación e limpeza do Concello vigués, ademais de membro do comité executivo da Zona Franca.
É técnico especialista da rama administrativa e comercial, na especialidade de contabilidade e técnico en prevención de riscos laborais. Así mesmo, segundo informa o Goberno central, posúe o diploma do curso avanzado en dirección de asociacións empresariais pola Escola de Negocios Caixanova.
É deputado da Deputación de Pontevedra e delegado na área de cooperación municipal, asistencia aos municipios e proxectos europeos. Ademais, é vicepresidente da Fundación da Enerxía de Vigo (Faimevi).
Foi concelleiro de fomento, transportes e novas tecnoloxías do Concello de Vigo entre 2011 e 2015, director do proxecto Vigo Smart City: transformación dunha cidade e tamén xefe de gabinete da Alcaldía de Vigo.