Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

Emilio Fernández: "É necesario reforzar os grupos de investigación"

Emilio Fernández Suárez, candidato á Reitoría da Universidade de Vigo. ALBA SOTELO
Emilio Fernández Suárez, candidato á Reitoría da Universidade de Vigo. ALBA SOTELO

▶ Despois de oito anos á fronte do Campus do Mar, o catedrático de Ecoloxía aglutina a persoas con distintas sensibilidades para conformar unha candidatura ao goberno da institución con dúas ideas claras: recuperar a ilusión e gañar o futuro

DESPOIS DE nove anos ligado ao Campus do Mar, que dirixe desde 2010, Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía, opta ao Reitorado da Universidade de Vigo liderando a iniciativa Ideas que suman.

Un nome moi acaído, xa que aglutina tanto a persoas que estiveron no goberno da institución como na oposición. Que lles dixo para convencelas para esta conxunción?
O que pretendemos é construír unha nova forma de entender e dirixir esta universidade que estea baseada nunha confluencia de persoas con prestixio, moitas delas con experiencia, outras totalmente novas, pero con con dous obxectivos fundamentais: temos que afrontar o presente, porque esta crise económica tan intensa deixou feridas e temos que solventar problemas acuciantes, pero ao mesmo temos que ter unha visión estratéxica, mirar lonxe, a dez ou a vinte anos, porque o futuro esta universidade tense que deseñar hoxe. Non podemos esperar. Esa visión dobre foi o que uniu a esta xente de diferentes orixes para tratar de poñernos de acordo, en primeiro lugar, nas liñas estratéxicas aprobadas o luns pasado e, posteriormente, concretalas nunha serie de medidas viables, cuantificables economicamente, que polo tanto poidan resolver os problemas desta institución.

Cales son eses problemas?
A curto prazo identificamos tres eixos de actuación nos que temos que incidir. O primeiro é a burocratización da universidade está a alcanzar uns niveis importantes que cada vez deixan menos tempo aos profesionais para adicarnos ao que temos que facer: xerar novo coñecemento e transmitilo aos estudiantes e á sociedade. O segundo aspecto ten que ver coa docencia. Temos que revalorizala. O decreto Wert foi moi lesivo, xerou unha serie de desequilibrios que hai que solventar progresivamente. O terceiro é que a importante diminución de fondos para investigación fai que moitos dos centros que tradicionalmente desenvolvían un traballo de calidade hoxe non estean financiados ou teñen unha financiación moi escasa. Iso está xerando unha universidade de dúas velocidades, con grupos de investigación moi potentes e outros na penuria. Aí temos que incidir tamén. A longo prazo temos que imaxinar un futuro cunha demografía complicada no territorio; non podemos esquecer que é posible a entrada das universidades privadas e temos que estar preparados para iso e, ao mesmo tempo, temos que aproveitar fortaleza que sen dúbida temos como a nosa conexión co Norte do Portugal. Debemos xerar un único sistema universitario que pode ser unha enorme referencia e que, ao mesmo tempo, nos abre as portas de Iberoamérica.

Alégrome de que o outro candidato e eu teñamos puntos coincidentes. Os matices marcarán a discrepancia 

Dixo que a súa iniciativa non é continuísta, pero agora mesmo forma parte do equipo de goberno. Teme ser visto como o sucesor de Mato ou está totalmente desvinculado deste equipo?
Non vou negar a miña participación como director do Campus do Mar ao longo deste tempo. Fun nomeado polo equipo reitoral de Alberto Gago (2009), continuei neste periodo e estou moi satisfeito co traballo feito, iso é evidente. Se esta candidatura é a sucesión do actual equipo reitoral? A resposta é non. Creo que para calquera que coñeza a universidade é practicamente inimaxinable que poida ser continuista se analiza as persoas que forman parte desta candidatura. Se o fora, moitas das persoas que me acompañaron na presentación non estarían presentes. Por outra banda, cando chegue o momento e se vexa o equipo reitoral, calquera dúbida quedará totalmente despexada.

Falaba do exceso de burocratización, das penurias da investigación... Estes dous aspectos, concretamente, figuran tamén no programa do outro candidato. Ve isto como unha posible converxencia de ideas ou non ten que ver?
As contendas electorais dunha universidade non teñen por que ser completamente iguais ás do ámbito político. Neste caso, de momento somos bos compañeiros, dous grupos que estamos analizando a situación da universidade. Estraño sería que non houbera coincidencias e alegróme moitísimo de que en moitos dos puntos sexamos coincidentes. As diferenzas, posiblemente, sexan de aproximación, diferenzas de visión, de matiz, e naqueles puntos nas que a converxencia sexa absoluta creo que é bo para a Universidade, porque é un signo de que as análises son coincidentes e veremos se as medidas tamén o son. Sen dúbida hai aspectos que nos diferenzan, a visión da universidade non é exactamente igual. Penso que a UVigo é forte, está en boa situación para afrontar o futuro e non creo que esteamos en declive, así o din os indicadores. Esas diferenzas de matiz son as que marcarán os puntos de discrepancia.

O campus de Pontevedra é vital. Apoio a estratexia de especialización, pero hai aspectos que solucionar

O campus de Pontevedra está inmerso no seu proceso de especialización. Como ve o seu futuro? Ten un apartado especial no seu programa?
É un campus vital, forte, dinámico. Ten 27 títulos, vai ter dous máis, unha cifra importante de estudantes (4.000), as prazas que oferta ocúpanse... É un campus con personalidade propia e son optimista. A estratexia de especialización apóioa, evidentemente, como director do campus do Mar, penso que é importante. É necesario para darlle unha identidade propia, pero evidentemente hai aspectos que debemos solucionar. Require un pulo importante no ámbito da investigación, hai que reforzar os grupos e incidiremos niso. No programa si que haberá aspectos concretos, igual que para o campus de Ourense.

E pode avanzar algo ao respecto?
Non. Aínda non. Consensuamos as liñas estratéxicas, pero aínda temos que elaborar un programa compartido e non sería prudente expresar agora a miña opinión.

Entón tampouco é aínda o momento de falar da Vicerreitoría.
Evidentemente non. Estase a elaborar o programa electoral e imos traballar na confección do equipo electoral.

As anteriores eleccións tiveran só un candidato e un índice moi baixo de participación. Esperan que nesta ocasión haxa menos abstención?
Si. O feito de que houbera un único candidato é unha anomalía. O normal nas universidades é que haxa unha confrontación de ideas. Creo que haberá unha alta participación porque sempre que se presentou máis de un candidato houbo unha participación importante, sobre todo de profesorado e PAS. Si é certo que a participación do alumnado é máis reducida. Eu animo a todo o mundo a que participe. Estou seguro de que vai ser unha campaña sosegada, baseadas nas ideas e o respecto absoluto entre as candidaturas.

Emilio Fernández: "É necesario reforzar os grupos de investigación"
Comentarios