Fiscalía recorre a condena a Audasa polos atascos na ponte de Rande

A acusación pública pide que se indemnice a todos os usuarios afectados. O xulgado tamén admitiu un recurso da concesionaria, que alega que o caso non se levou pola competencia adecuada
Ponte de Rande. DP
photo_camera Ponte de Rande. DP

A Fiscalía presentou un recurso parcial contra a sentenza do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra que condena á concesionaria da Autoestrada do Atlántico, Audasa, polo cobro de peaxes mentres se producían 81 incidencias de tráfico ocasionados polas obras de ampliación da ponte de Rande, en Vigo. 

Unha sentenza contra a que tamén presentou un recurso a propia Audasa, que entende que debe ser a xurisdición contencioso-administrativa quen teña as competencias para xulgar os feitos (denunciados pola Fiscalía e dúas asociacións de consumidores) e non a civil-mercantil, vía pola que se axuizou o caso. 

Respecto disto, a Fiscalía argumenta, en contestación á defensa de Audasa, que o sucedido durante as obras "constitúe soamente o exemplo que permitiu descubrir a existencia da práctica abusiva consistente en cobrar integramente a peaxe en todo caso" sen aplicar descontos ou eliminalo en momentos nos que non pode prestarse o servizo en condicións. 

Co seu recurso, o Ministerio Público pretende ampliar a condena á concesionaria da infraestrutura e que o cesamento da práctica abusvia recoñecida polo xulgado esténdase a todas as autoestradas xestionadas por Audasa en España. 

Así mesmo, solicita que sexan declarados como beneficiarios da sentenza todos os usuarios que circularon pola autoestrada entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño "e non só os que o fixeron durante os 81 incidentes concretos enumerados na sentenza". 

En definitiva, Fiscalía reclama que Audasa abone unha indemnización do dobre do importe da peaxe cobrada "a todos os usuarios" que non sexan profesionais de condución, titulares de empresas de transportes de mercadorías ou pasaxeiros no desempeño da súa actividade profesional. 

Estes deberán poder acreditar verse afectados polas retencións mencionadas na sentenza ou en calquera outro atasco que durase máis de dez minutos. 


SENTENZA 

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra estimou parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal contra Autoestradas do Atlántico Concesionaria Española (Audasa) polo cobro "abusivo" de peaxes durante as obras da Ponte de Rande e insta á compañía a "restituír o importe cobrado" aos usuarios afectados por algunha das 81 incidencias de circulación rexistradas entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018. 

Na sentenza que estima esta demanda, á que se adheriron as asociacións Adicae e En Colectivo, así como particulares, o maxistrado declara "a nulidade destas prácticas abusivas" consistentes en cobrar aos usuarios "as peaxes de maneira íntegra" cando se produzan incidencias cualificadas pola DXT coa cor negra, vermello ou amarelo, sen informar aos mesmos do estado da vía coa antelación suficiente para que puidesen optar por outra vía. 

O maxistrado considera que o importanto de caso é o prezo abusivo que se estaba a cobrar na peaxe

O xuíz considera "indiferente" no seu fallo que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias, tales como accidentes, vehículos avariados, incendios ou desprendementos de terras. "O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo e ao que non se lle proporcionou a información necesaria para que puidese tomar a súa decisión", subliña. 

Así mesmo, o titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra recalca que "non consta de ningún xeito que houbese algunha causa de forza maior que impedise a Audasa informar os condutores coa suficiencia e antelación oportunas". 

A empresa, ademais, deberá asumir o custo da publicación do fallo da sentenza, xunto coa lista das 81 incidencias admitidas, no diario de maior difusión de España. Os usuarios que fosen afectados por algunha delas, poderán instar a que se lles recoñeza como beneficiarios da condena. 

En todo caso, o xulgado non aceptou no fallo establecer os criterios a seguir por Audasa para garantir o "cesamento das prácticas abusivas" nin a esixencia de que a entidade presente ao Xulgado un criterio de eliminación do prezo da peaxe en determinados casos, dado que non "corresponde" ao ámbito xudicial esta cuestión. 

Do mesmo xeito, tamén descartou considerar os feitos como un dano ou prexuízo que mereza unha compensación superior á propia devolución do importe pago.

Comentarios