Illan en Montevideo un barco que partiu de Vigo tras detectarse un brote de covid-19

O Argos Pereira dirixíase ás Malvinas e aproveitou unha parada programada na capital uruguaia para realizar un cribado 
Imaxe do barco 'Argos Pereira'. VESSELFINDER
photo_camera Imaxe do barco 'Argos Pereira'. VESSELFINDER

O barco pesqueiro Argos Pereira, que partiu de Vigo cara ás Illas Malvinas, atópase illado no porto de Montevideo (Uruguai) desde o xoves tras detectarse un brote de coronavirus na súa tripulación que o sindicato CIG eleva até os 28 casos. 

Segundo explica o Grupo Pereira, a pesqueiro -propiedade de Argos Pereira Limited, unha sociedade mixta con socios das Malvinas- realizou unha escala programada en Montevideo para encher combustibles e provisións e aproveitou para realizar un test masivo a toda a tripulación. Por mor das probas, detectáronse "casos positivos" -a compañía non especifica o número, pero a CIG fala de 28-, a "maioría" deles asintomáticos a excepción dun par que presentan "síntomas leves". 

Ademais, a empresa púxose en contacto coas autoridades uruguaias, que permitiron desembarcar aos mariñeiros que deron negativo nas probas. Cabe lembrar que hai unha semana transcendía que outro buque, o Venturer, operado pola empresa Pescapuerta, se atopaba retido en Salvador de Baía (Brasil) cunha trintena de positivos. 

A CIG RECLAMA UN "PROTOCOLO CLARO". A raíz do caso do Argos Pereira e do Venturer, a CIG emitiu un comunicado no que esixe ao Goberno do Estado e á Xunta un "protocolo claro de actuación" fronte ao que consideran un "repunte de casos de barcos galegos" nos que se detectan brotes de covid. 

Iso si, o sindicato nacionalista destaca a actitude da empresa responsable do Argos Pereira ao solicitar a Uruguai o desembarco dos tripulantes que fosen negativos, "ao contrario" do que ocorreu co Venturer

A CIG lembra que ambos os buques partiron do porto de Vigo en dirección ás Malvinas "tras supostamente realizar as probas pertinentes", polo que se pregunta "como é posible que se estean producindo contaxios masivos" entre os mariñeiros. 

"Está claro que están a fallar os controis, o que pon en grave risco a saúde das persoas que viaxan nestes barcos", denuncia o responsable da CIG-Mar, Xavier Aboi, quen pide aos gobernos de España e Galicia que "deixen de esconderse detrás das empresas e actuar". 

Así mesmo, Aboi reclama ás autoridades e ás compañías que informen do que ocorre nas embarcacións e que non oculten os brotes: "Tanto os afectados como as súas familias teñen dereito a coñecer en todo momento en que situación se atopan, así como a recibir toda a axuda que sexa necesaria". 

Comentarios