lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Oceanets recicla 30 toneladas de aparellos de pesca rescatados para obter a fibra téxtil

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza, xunto a Rubén Rodríguez, da ONG Vertidos Cero, e o responsable de I+D+i de ARVI, Jorge Román, na presentación de resultados do proxecto Oceanets. EFE
O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza, xunto a Rubén Rodríguez, da ONG Vertidos Cero, e o responsable de I+D+i de ARVI, Jorge Román, na presentación de resultados do proxecto Oceanets. EFE
O material foi recollido dos fondos marinos so Atlántico ao longo dun ano

O proxecto europeo Oceanets, liderado polo Instituto Tecnolóxico do Plástico (Aimplas), e no que colaboran a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), a Universidade de Vigo (a través dos grupos GEN e iMark), a ONG Vertidos Cero e as empresas Sintex e Ecoalf, cumpriu un ano e logrou o seu obxectivo de revalorizar residuos procedentes de redes e aparellos de pesca, reciclándoos e obtendo fibra téxtil.

Así o explicou o presidente de Arvi, Javier Touza, quen sinalou que, neste ano, recolléronse máis de 30.000 quilos de residuos de aparellos e redes nos fondos mariños, fundamentalmente no Atlántico suroccidental. Estes aparellos conteñen materiais como poliamidas, que son fibras de alta calidade e de "gran valor téxtil".

A partir desas fibras, a empresa checa Sintex elaborou tecidos que permiten a fabricación de pezas, de modo que se dá "unha segunda vida" a eses residuos. Este proxecto, por tanto, contribúe ao cumprimento de varios dos obxectivos do milenio, segundo destacou Touza, como son a preservación dos fondos mariños, o fomento dun medioambiente "san e seguro" e o impulso dunha produción e un consumo responsables.

Segundo incidiu o presidente dos armadores, a participación neste proxecto reafirma o compromiso do sector cunha actividade sustentable e co modelo de economía circular e loita contra o cambio climático, que será decisivo na "reconstrución" socioeconómica.

Para iso, destacou, "é fundamental" o traballo "en equipo", como reflicte o proxecto Oceanets no que están implicados empresas, investigadores, sector pesqueiro, axentes sociais e a propia Unión Europea, que achega financiamento a través do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.

O presidente de Arvi sinalou que, segundo a FAO, cada ano bótanse ao mar uns 8 millóns de toneladas de residuos plásticos, aínda que os que proceden da actividade pesqueira "non chegan ao 10 por cento". "Pero queremos ser proactivos e estamos a recoller redes e aparellos dos fondos mariños (...), somos parte da solución, non do problema", engadiu.

TECIDOS E PEZAS

Segundo explicou o responsable de I+D+i da Cooperativa de Armadores, Jorge Romón, os restos recollidos do mar conteñen diversos materiais plásticos, como a poliamida, o poliéster ou o polietileno.

Até agora, elaborouse un "tecido piloto" con poliamida para o seu uso en pezas deportivas, e séguese "experimentando" co resto de materiais, por parte de Sintex. O paso seguinte, sinalou, correrá a cargo da empresa española Ecoalf, que poderá utilizar eses tecidos, achegando o seu deseño, para a elaboración e posterior comercialización de prendas.

Finalmente, o portavoz da Asociación Vertidos Cero, Rubén Rodríguez, explicou que esta ONG coopera cos pescadores na elaboración dunha "base de datos colaborativa" na que se determinen os puntos e localizacións que "son perigosos para os seus aparellos", porque hai risco de enganche ou deterioración das redes.

Oceanets recicla 30 toneladas de aparellos de pesca rescatados para...
Comentarios