O plan 'Ciencia de ida e volta' regresa con dúas novas actividades sobre astronomía

A exposición 100 lunas cuadradas e os obradoiros Astrofamilias achegarán o mundo astronómico a todos os públicos
Imaxe do planetario do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico. UVIGO
photo_camera Imaxe do planetario do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico. UVIGO

A astronomía será a protagonista das novas actividades do plan Ciencia de ida e volta da UVigo, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), dependente do Ministerio de Ciencia y Tecnología. A exposición itinerante 100 lunas cuadradas e os obradoiros Astrofamilias achegarán a ciencia a todos os públicos dun xeito ameno e sinxelo.

Cartel da exposición '100 lunas cuadradas'. UVIGO
Cartel da exposición '100 lunas cuadradas'. UVIGO

A exposición 100 lunas cuadradas poderá visitarse a partir do 19 de maio e ata o 30 de xuño de 2022 na sala de exposicións do edificio Redeiras en Vigo. Trátase dunha mostra composta por fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias e rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Neste sentido, amósanse imaxes que abranguen practicamente todo tipo de obxectos astronómicos e algúns descubrimentos relevantes en astrofísica; entre eles sistemas exo-planetarios, estrelas adolescentes, fósiles cósmicos, lápidas fugaces ou grupos galácticos. Cabe destacar que 100 lunas cuadradas estivo antes no Instituto Cervantes de Tokio, en varias universidade xaponesas e na Galería Nacional de Tokio.

Cartel do programa Astrofamilias. UVIGO
Cartel do programa 'Astrofamilias'. UVIGO

Por outra banda, o vindeiro xoves 26 de maio de 2022 a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza os obradoiros de astronomía Astrofamilias. Este evento de divulgación científica pretende achegar o mundo da astronomía ao público xeral e, en especial, a un público familiar. A actividade terá lugar a partir das 17:00 horas no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, en Vigo, e as 50 prazas dispoñibles están cubertas, polo que agora mesmo só está activa a listaxe de agarda.

No marco desta iniciativa terán lugar dous obradoiros, que serán impartidos por Ana Ulla Miguel, astrofísica e investigadora da Universidade de Vigo, e Adolfo García, Capitán da Mariña Mercante e profesor de Navegación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, organismo que colabora neste evento.

A profesora Ana Ulla será a encargada de impartir o taller sobre como funcionan as estrelas, no marco da iniciativa 'Astrofamilias'. UVIGO
A profesora Ana Ulla será a encargada de impartir o taller sobre como funcionan as estrelas. UVIGO

Cada un deles farase cargo dun obradoiro de arredor dunha hora de duración. O de Ana Ulla centrarase no funcionamento das estrelas e o de Adolfo García consistirá nunha visita ao planetario na que el exercerá como guía. Divididos en dúas quendas, o grupo 1 visitará primeiro o planetario –de 17.00 a 18.00 horas– e logo asistirá ao taller sobre o funcionamento das estrelas –de 18.00 a 19.00 horas– e o grupo 2 gozará, en orde inverso, destas mesmas actividades.