O PSOE veta en Vigo a comparecencia de Abel Caballero e dun edil investigado

PP e Marea de Vigo acusan o goberno local de facer pasar por "imbéciles" aos vigueses

Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)

O grupo do PSOE fixo valer a súa maioría absoluta para tombar senllas peticións de comparecencia no pleno do alcalde, Abel Caballero, polo rescate do auditorio, e do concelleiro Ángel Rivas, investigado por un delito de prevaricación administrativa polo contrato da iluminación do Nadal de 2016.

A petición de comparecencia de Caballero foi debatida cando o alcalde xa se ausentou do pleno, que presidía nese momento o concelleiro Javier Pardo.

Pardo insistiu no discurso de Caballero de que o rescate do auditorio Mar de Vigo, que custará uns 35 millóns de euros, é "unha boa operación" para a cidade, que se dotará dun ben taxado nuns 100 millóns.

Os dous grupos da oposición, PP e Marea de Vigo, reprocharon ao goberno local que traten de pasar por "imbéciles" aos vigueses ao soster que a operación "non lle custará un duro" aos contribuíntes, cando o diñeiro sairá do remanente, dotado cos seus impostos, e de patrimonio municipal.

A portavoz do PP, Elena Muñoz, sinalou que aos 35 millóns do rescate hai que sumar outros 30 millóns que recibiu a concesionaria da Xunta e do Concello.

O portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou pola súa banda que o auditorio "naceu viciado" polo sistema de financiamento elixido, público-privado, e admitiu que probablemente as modificacións posteriores do proxecto "adiantaron a quebra" da concesionaria.
 

Comentarios