O Sergas convidará a 3.000 residentes en Mos a participar nun cribado

As probas PCR, que comezará o luns, teñen como fin detectar portadores asintomáticos do coronavirus
Unha sanitaria realizando un test de saliva nun cribado. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Unha sanitaria realizando un test de saliva nun cribado. BRAIS LORENZO (EFE)

O Sergas comezará este luns a realización dun cribado no que convidará a participar a 3.000 residentes en Mos para detectar casos asintomáticos de COVID-19.  A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, confirmou que a Consellería de Sanidade lle comunicou a súa intención de levar a cabo un estudo para analizar a situación da localidade tras a finalización do período do Nadal, segundo detallaron fontes municipais. 

O obxectivo é detectar portadores asintomáticos da Covid-19 "con único fin preventivo", tal e como se levou a cabo noutros municipios da área sanitaria de Vigo. En concreto, a realización deste cribado dará comezo este luns, 11 de xaneiro, pero as chamadas para as citacións efectuaranse a partir deste sábado. 

Deste xeito, o Sergas convidará a realizarse a proba PCR a 3.000 persoas domiciliadas en Mos, unha cifra establecida de acordo co número de habitantes da localidade e a incidencia da enfermidade na mesma. 

Nos últimos meses, a área sanitaria de Vigo realizou cribados a residentes en distintos puntos da cidade olívica, así como nos municipios de Tui, Moaña, Cangas do Morrazo, Tomiño e Redondela.

Comentarios