miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

A UVigo obtén 3,7 millóns para 33 proxectos de investigación

Investigadora no laboratorio da UVigo. DUVI
Investigadora no laboratorio da UVigo. DUVI
Os proxectos desenvolveranse no ámbito científico e tecnolóxico pero tamén no social. Destaca o traballo do catedrático vigués, David Posada, que procura entender o proceso de metástase no cancro

A Universidade de Vigo conseguiu 3,7 millóns de euros para poñer en marcha 33 proxectos de investigación. Foi grazas á participación da universidade na convocatoria de 2019 para Proxectos de I+D+i, no marco do "Programa Estatal de Generación de Conocimiento y Fortalecimiento Científico". Este programa financiará un total de 2.882 proxectos en toda España.

A vicerrectora de Investigación, Belén Rubio destaca que "valoramos moi positivamente os fondos acadados pola Universidade de Vigo nesta convocatoria". Ademais, Belén resalta o incremento das solicitudes presentadas nesta convocatoria, que se traduce "nunha gran participación de investigadores e investigadoras de posdoutoramento" explica. Precisamente, a instauración na UVigo da Política Europea de Recursos Humanos en Investigación (HRS43) está axudando á captación e retención de investigadores mozos.

Sobre os proxectos concedidos, a maioría deles pertencen ao ámbito científico e tecnolóxico, eidos nos que desde a vicerrectoría destacan que "contan con investigadores de prestixio nacional e internacional cunha carreira moi sólida". Porén, o sector xurídico-social e humanístico estase facendo oco pouco a pouco nestas convocatorias de proxectos. Neste caso concreto, supuxeron un 55%. "Na UVigo temos unha masa crítica suficiente de investigadores de gran nivel que poderían optar a financiamento externo sen problema, pero neste ámbito tradicionalmente buscáronse outro tipo de recursos", recalca Rubio. Precisamente, un dos obxectivos que están buscando desde a UVigo é captar fondos a través destas convocatorias para os eidos sociais. "Nun futuro próximo, desenvolveremos novas vías de financiamento e optaremos tamén a convocatorias europeas", explica.

O proxecto desta convocatoria que gozará de maior financiamento será o do catedrático vigués, director do Laboratorio de Filoxenómica, David Posada. Esta proposta, dotada con 363.000 euros, busca entender como se produce o proceso de metástase no cancro. Con catro anos de duración total, o método de traballo consistirá en inxectar unha liña celular tumoral de cancro de mamo a ratos. Esta liña estará marcada cunha fluorescencia verde para poder ver como se dispersa nos exemplares tratados. "Trátase de coñecer, en definitiva, como viaxan as células á hora de establecer unha metástase", explica David Posada.

A duración será de catro anos e supón un novo paso na traxectoria do Laboratorio de Filoxenómica. Ademais, están traballando un total de cinco investigadores xunto a David Posada. Comezaron hai uns meses e xa acadaron algúns resultados preliminares. "O primeiro é poñer a punto as técnicas, xa que se trata duns ratos moi particulares", constatan.

De feito, os dous primeiros anos do proxecto estarán destinados ao traballo cos animais, en colaboración co grupo Oncomet, mentres que os dous últimos ocuparánse da análise bioinformática e, probablemente, do deseño dalgún experimento máis pequeno.

A UVigo obtén 3,7 millóns para 33 proxectos de investigación
Comentarios