A Xunta promete iluminar a ponte de Rande como o Golden Gate

A obra correrá a cargo das arcas de Audasa

Iluminación na ponte de Rande. TWITTER
photo_camera Iluminación na ponte de Rande. TWITTER

A ponte de Rande, todo un símbolo da Ría de Vigo e de Galicia, lucirá pronto como o Golden Gate de San Francisco ou a Tower Bridge de Londres, dous dos exemplos nos que se inspirou a Xunta de Galicia para encargarlle a Audasa, a concesionaria da autoestrada A-9, a iluminación da ponte galega.

Así o anunciaron este mércores en rolda de prensa a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro.

"Levamos tempo traballando, coa implicación mesmo do propio presidente da Xunta, para que a ponte de Rande sexa unha referencia internacional tamén na súa iluminación ornamental", dixo Vázquez, quen destacou a necesidade de que "Rande brille con luz propia e que ilumine Vigo".

Segundo a conselleira, a Xunta atópase agora á espera de recibir da concesionaria un documento técnico de mellora da iluminación da ponte no que se establezan tamén os prazos de execución desta actuación.

A obra, explicou Vázquez, correrá a cargo das arcas de Audasa e non implicará incremento algún nas peaxes que pagan os condutores por circular pola autoestrada da que a ponte de Rande é parte.

Vázquez lembrou o recoñecemento internacional que a ponte e a súa ampliación recibiron por parte da Asociación Internacional de Pontes e Enxeñaría Estrutural a principios de mes en Nova York.

Considerou de "xustiza" que os galegos poidan ver de noite os tirantes e os alicerces desta estrutura "para que siga sumando premios". 

Comentarios