Blog | A fouce

Aqueles vellos amigos

Unha librería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha librería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Din que a Santa Compaña desapareceu desta terra cando chegou a luz eléctrica aos fogares. Eu sempre tiven a sensación de que os libros desapareceron dos fogares cando chegou internet. Fuxiron arrepiados ao bater de fociños contra a tumba do pensamento crítico, pregaron as solapas e despedíronse do mundo coñecido, asoballados polos clicks e os impresionantes gráficos dos xogos online que xa non deixaban lugar á imaxinación.

Penso na infancia pre wifi e volvo ás librerías pontevedresas que, para min, semellaban tendas de caramelos cada aniversario no que o meu tío me convidaba a escoller todos os libros cantos quixera. E na biblioteca do colexio de Campañó, na que moitas das rapazas unímonos ao voluntariado por primeira vez, sen perder de vista o cobizado premio ao mellor lector do ano.

Repaso mentalmente a labor das libreiras e libreiros que, dende a monfortina Xistral da eterna Saleta Goi ata a mítica Andel viguesa, percorreron as décadas da nosa historia literaria facendo país dende as súas catro paredes.

Hai pouco escoitei que os libros e as viaxes son as maiores ferramentas de expansión mental. Agora que setembro chama á porta das obrigas, e que as viaxes quedan aprazadas ata novo aviso, agardo poder reconciliarme con aqueles vellos amigos.
 

Comentarios