Blog | A fouce

As semanas violetas

Un 8-M en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Un 8-M en Pontevedra. DAVID FREIRE

Mañá rematan as semanas violetas, coma quen retira do escaparate os últimos vestixios da campaña de Nadal. Os concellos apagarán as fachadas iluminadas da cor das uvas tintas e os cartaces creados para a ocasión polas institucións diluiranse aos poucos nas paredes das rúas, ao ritmo do bater das choivas. As redes sociais calarán o resplandor morado que o inunda todo unha vez ao ano. Se cadra dúas.

Cando me preguntan polos retos do feminismo penso na miña avoa, que nunca chegou a saber o que é. E que quizais as nosas fillas tampouco o saiban. 8-M é a miña nai, que tivo que renunciar ao seu traballo polos coidados durante toda unha década. 8-M é a miña compañeira xornalista, cunha recomendación médica de baixar o ritmo aos seus 37 anos, e esa moza de Sanxenxo que tivo que acudir á xustiza nunha vintena de ocasións para poder ser recoñecida como vítima de violencia de xénero, e que aínda hoxe non ten paz. 8-M son as asasinadas, e as vítimas de explotación sexual. E as nenas que dentro duns anos baterán unha e outra vez contra o teito de cristal, repetindo a historia.

8-M é parar a cidade, o traballo e o mundo enteiro se fai falla, mentres teñamos que seguir cubertas de violeta, representadas por unha idea, e non por unha realidade.

Comentarios