Blog | A fouce

Ata a vindeira erupción

O volcán Cumbre Vieja un mes despois de finalizar a erupción. MIGUEL CALERO (EFE)
photo_camera O volcán Cumbre Vieja un mes despois de finalizar a erupción. MIGUEL CALERO (EFE)

CALOU O volcán. 85 días e oito horas despois. Todo un "otoño volcánico", como o definiu o conselleiro palmeiro Julio Pérez. A fin oficial da erupción volcánica declarouse no medio do balbordo dun Nadal xa en plena apoteose, que turraba con forza das ganas de esquecer. De vivir. De festexar. Que se haberá Fin de Ano, que se as luces de Caballero, os agasallos de última hora e o prezo do marisco na Praza de Abastos. E desapareceu do mapa. Engulido por completo. Desterrado do prime time estatal que non dubidara en desprazar aos seus mellores enviados especiais ao campo de batalla. Marcharon con el as reportaxes televisivas sobre a entrega de chaves e a primeira visita á nova casa; as imaxes da destrución total e as entrevistas lacrimóxenas. Lembro unha no que o reporteiro, máis afectado que o propio veciño, tivo que interromper a emisión. Madrid recolleu os seus bártulos e subiuse ao primeiro avión. Ata a vindeira erupción, amigos.

A historiadora de orixe británica Karen Offen, a quen tiven o gusto de ler durante as últimas semanas, acostumada a sentir a terra inestable baixos os pés, como alguén que se criou ao sur de Idaho (EE.UU.) e que na súa residencia actual ten como veciña á falla de San Andrés, establece unha metáfora volcánica para falar de feminismo. Para ela, a teoría das vagas resulta inexacta. (Algo que, farta de contar vagas pandémicas, teño que agradecerlle). Para Offen, o feminismo non vai e vén. Presiona repetidamente "contra os puntos máis débiles nas capas sedimentadas da corteza patriarcal". E, cando a presión é intensa, estoupa. De xeito que, para estudar ao movemento feminista, toca medir magnitudes de coladas de lava, a presión, e as fases da erupción. E, segundo Offen, tamén "examinar os intentos do antifeminismo por deter a colada".

Pontevedra sumou máis de 1.000 denuncias por violencia machista

Despedín a primeira etapa desta sección o pasado verán falando de machismo, fascismo e LGTBIfóbia. Agora que todo volve arrancar, creo que é de xustiza dirixir a mirada cara o ano que deixamos. Que levamos del? Unha chea de cifras. 43 mulleres asasinadas en todo o estado, unha delas en Galiza, e sete menores vítimas mortais por violencia machista. As denuncias neste eido ascenderon a un total de 75.722 a escala estatal, das que 3.083 producíronse na nosa comunidade: 1.065 en Pontevedra, 1.296 na Coruña, 372 en Lugo e 350 en Ourense, segundo o Portal Estatístico da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Ao peche do ano, os medios estatais de grande alcance publicaron a boa nova, fixándose en que 43 mulleres asasinadas é a "cifra máis baixa dende que existe o rexistro". Pola contra, duplicábase o número de menores asasinados por violencia de xénero.

As cifras coas que nos gusta titular, que ás veces analizamos na procura de respostas, en busca da suma, a resta ou a ecuación que nos revele como marcha o mundo, que pasa na nosa cidade, ou a que lle temos que ter medo, teñen cara. Teñen idade, historia, familia e aspiracións. Tamén tiñan vida.

Así que, coma Offen, e fuxindo da idea de ter que contabilizar unha soa vaga máis, sexa cal sexa, pregúntome en qué momento está a actividade volcánica. Se temos que seguir medindo, sumando ou restando. Se imos continuar volvendo a vista a un ano que se nos escapou entre os dedos, a ver se, cun pouco de sorte, conseguimos un titular tranquilizador. Mentres exista unha soa cifra, nin calma, nin medias tintas.Por min, que veña a erupción.

Comentarios