Blog | A fouce

Auga de rosas

Contáronme este verán en Kelaa M’Gouna que todas as nais marroquís teñen unha. O formato máis recorrente adoita ser unha botelliña con spray que usan como tónico facial ou desmaquillante, e tamén para levantarlles a febre aos cativos e cativas que algunhas carrexan ás costas ao longo de varios quilómetros á beira da estrada cuberta de po, e que outras levan da man ao cruzar a rúa cos uniformes dos colexios impolutos. A auga de rosas, que recolectan e destilan mans tamén femininas nas cooperativas do Val das Rosas, aos pés do Alto Atlas, forma parte da intimidade deses fogares, desas rutinas de beleza e desas maternidades que, alomenos, son as súas. 

A non trascendencia xornalística de asasinatos de mulleres activistas dende Marrocos ata Irán, no medio do enésimo debate occidental sobre o uso do hiyab e a opresión relixiosa - eu creo que de todas as relixións teocentristas - sobre a muller, semella, cada certo tempo, poñer de actualidade unha realidade que nunca deixa de ser real, pero que, malia todo, segue sendo súa, e de ninguén máis. Das fillas de nais e pais musulmáns que, máis que o debate en Occidente, precisan atopar o camiño un pouco menos cheo de po, ou a rúa un pouco menos despexada se deciden que é o momento. Con políticas migratorias e educativas máis feministas, e menos teóricas de sillón.

Comentarios