VARIOS son os asuntos de vital importancia que afectan estes días ao ‘país de pandereta’ de Antonio Machado, e que hoxe atopa a súa versión remasterizada na ilustrísima Marca España. O primeiro de todos eles, por suposto, e honrando a eses antepasados de plena ditadura de Primo de Rivera, calquera que coloque ás mulleres no centro do debate, e non como parte del. Os debates que tanto lles gustan aos ‘cuñados’ españois, señores expertos, por orde cronolóxica, a través das décadas, primeiro na intelixencia feminina -si, isto estivo en cuestión nas primeiras décadas do século pasado-, na capacidade das mulleres para liderar, e, agora, nos nosos corpos, teñamos 15 ou 51 anos, porque claro, tamén iso lles pertence.
A segunda: Eurovisión. A política internacional metida con calzador nun certame que esparce caspa a mans cheas. E a terceira, e quizais máis importante: o Bribón volve á ría! E o Borbón tamén, non sexan malpensados. De entre todos os obxectos de debate que preocupan aos nosos expertos (epidemiólogos, vulcanólogos... Témolos en oferta!), se hai algo do que, precisamente, temos que falar, e con seriedade, é de onde se aloxa, que come, con quen trata, e que chan pisa o rei emérito porque, despois de todo, e os cartos de quen son?