Nin 56 intervencións policiais foron suficientes para que Vanesa S.P. puidera vivir a súa vida. Aínda coa lousa que sempre cargan as que sentiron a violencia machista nas propias carnes, coma unha negrura que nunca se acaba de ir de todo. Os cinco sentidos sempre alerta e unha mirada fonda coma a de quen estivo moito tempo habitando outro planeta. A de quen coñece unha realidade dolorosa que outras persoas nin sequera alcanzan a imaxinar.
E malia todo, un día, nin sequera saben como, collen impulso e abren a porta. Comezan a falar, a comprenderse, a compartir. Quizáis un novo traballo, un novo lugar, e algunha que outra ilusión. Vanessa, coma Beatriz ou Jessica, xa non pode saber o que é sobrevivir a unha lacra que denuncian as mesmas institucións que permiten a presenza de maltratadores condenados en cargos públicos. Ou, para mostra, as últimas municipais.
Unha denuncia, un xuízo rápido, orde de protección e un grao de risco medio que semella depositar a vida dunha muller, máis que no sistema que supostamente a protexe, na vontade do asasino. Cando todo falla, só queda a rabia. Os berros na rúa e as promesas de mellora institucionais, que deberían comezar por coller polos cornos a educación en igualdade da que tanto adoece este Estado.