Blog | A fouce

Cartas na parede

LEMBRO coa turbada nitidez dos anos de instituto unha vivencia que quedaría no meu subconsciente ao longo de máis dunha década, e que aínda hoxe aflora co transitar da vida diaria, máis veces das que quixera crer.

Sería arredor das nove da mañá cando as primeiras alumnas e alumnos comezamos a arremuiñarnos ante aquela escea. Algunhas aseguraban que era a máis fermosa declaración de amor, outros buscaban respostas a aquel extravagante acontecemento, e os máis calaban cando, xa no interior da aula, a mestra preguntaba que nos parecía aquela situación. Centos de papeis impregnaban a parede exterior do edificio, todos contiñan a mesma frase e o nome (e non sei se tamén o apelido) da rapaza aludida. Nin sequera lembro que poñía, pero si a cara da rapaza en cuestión, que non fun capaz de descifrar.

Non sei se se trataba dun noivo ou dun ex, nin se a moza recibiu a atención axeitada tras, hoxe seino, verse exposta ante todo o instituto. Nin se, xa cunha vida formada, será quen de volver a vista atrás para chamarlle acoso ao que lle aconteceu. Por iso tampouco me sorprende cando mulleres coñecidas coma Ana Peleteiro saen na televisión falando dun abuso sexual sufrido que nunca ninguén lle ensinou a identificar. As cartas na parede son só o primeiro síntoma.

Comentarios