Blog | A fouce

Chámanlle progreso

Manifestación contra as medidas de apoio ao abastecemento dos concellos da área de Vigo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Manifestación contra as medidas de apoio ao abastecemento dos concellos da área de Vigo. GONZALO GARCÍA

LIÑAS DE alta tensión que queren partir municipios dunha estocada; eólicos que pretenden afastar calquera rastro de biodiversidade, afondando no feísmo da paisaxe e na intranquilidade veciñal para o lucro dos mesmos de sempre; ou unha porción de ría da que o marisqueo tivo que fuxir hai anos, moitos anos, e a onde non ten trazas de poder volver. Só nuns poucos quilómetros á redonda, a vista de paxaro podemos imaxinar un territorio ameazado pola extinción daquela contorna que nos é –que nos era– benquerida, e da que viven, e queren vivir, moitas familias.

Agora, as –chamémoslle– "posibilidades", chegan tamén á contorna do Verdugo e o Oitavén, e non hai día que pase por diante dun dos meus recunchos favoritos no mundo sen imaxinar que, ao mellor, tempo adiante, non poderei volver enquistar o kayak nun deses areeiros que protagonizaron o meu primeiro verán en Soutomaior. As cidades engulen ao rural que a algunhas nos viu medrar, e canto doe! O desprezo, a gratuidade, a sensación constante de debater cun xigante narcisista que te fai sentir pequena. Chámanlle progreso e déixante coa boca pechada, coma se a túa vida nunca tivera existido, ou fose menos importante. Non sei vostedes, pero eu non quero unha política que negue o que somos.

Comentarios