Blog | A fouce

Combater a igualdade

Un 8-M en Pontevedra. DAVID FREIRE/ARQUIVO
photo_camera Un 8-M en Pontevedra. DAVID FREIRE/ARQUIVO

"ES INDUDABLE que aún se comete injusticia con la mujer; aún se le regatean derechos muy legítimos, propios de la personalidad humana; aún domina contra ella un prejuicio social; aún se la veja y se la quiere tener sometida a una falsa galantería; el miedo a la competencia le crea nuevos obstáculos y nuevos enemigos; pero ya la mujer ha demostrado sensatez y suficiencia; ya ha ganado posiciones favorables, y su porvenir se dibuja con entera claridad". Podería, este fragmento dun artigo titulado La vuelta al hogar publicarse un 8-M nun xornal coma este. O regateo dos dereitos lexítimos, o prexuízo social, os obstáculos a nivel laboral, e tamén un porvir que vemos claro, de cara ao futuro, son aspectos que nos soan demasiado. Tan reais na vida das mulleres e das nenas que meten medo. E aínda así non perdemos a esperanza.

Nunca a perdemos no transcurso dos séculos e das décadas, a dicir verdade. Pero a realidade é que este texto ten nada menos que 98 anos, e foi publicado nunha daquelas revistas chamadas femininas un 5 de xaneiro de 1924. A xornalista e pioneira corresponsal de guerra Carmen de Burgos Seguí, coñecida como Colombine, iniciaba así unha serie de colaboracións na revista catalana El Hogar y la Moda, sen dúbida alentada por outra muller exemplar e entón directora da cabeceira, María Luz Morales.

Diriamos que 98 anos non son nada pero poden selo todo

 

E diriamos que 98 anos non son nada, pero poden selo todo. E que pouca sexa a diferenza entre unha muller concienciada do século XX, e unha do XXI. As mesmas ganas de sosterlle a mirada ao mundo, autoreivindicarse e loitar por un futuro mellor para as fillas e as netas que veñen detrás. Nesas tres primeiras décadas do século pasado, nas que tanto se debatía sobre a relación entre o feminismo e a feminidade, abondaban as voces críticas que vían ao movemento como un inimigo letal, que ameazaba con aniquilar a orde establecida. Os xornais e as revistas, femininas ou non, publicaban a cotío verborreas belixerantes baixo a sinatura de autor, emperradas en desprestixiar a aquelas espeluxadas que querían votar e - oh! malditas bruxas - arrepoñerse por riba do flamante sexo masculino para segregar unha sociedade nadiña segregada xa de por si. Pois si, amigas e amigos, a noxenta, estúpida, insulsa, aborrecedora, retorcida e retrógrada consigna ni machismo, ni feminismo: igualdad é xa moi, moi, moi antiga. Debeuse inventar por aqueles tempos.

Combater a igualdade, ou o que é o mesmo (que aquí todo hai que explicalo), combater o feminismo, segue a ser ben sinxelo, e xa non fai falla nin molestarse en escribir un artigo argumentado e sen faltas de ortografía. Nin asinar o texto, xa que estamos. Basta con ter un perfil nas redes sociais ou un cargo de responsabilidade en calquera empresa ou institución pública. Combates a igualdade cando atentas contra calquera reivindicación artística dos dereitos das mulleres debuxada nunha parede na vía pública, a golpe de spray ou verbalmente. E as dúas cousas pasaron xa no último ano, e moi preto de nós. A primeira en maio de 2021 na Gran Vía de Vigo e a segunda hai unhas horas, en Raxó (Poio). Combates a igualdade cando na túa empresa encomendas certas tarefas a unha muller porque che parecen máis axeitadas para ela (a nosa famosa sensibilidade, xa sabedes). E cando les no xornal as cifras da fenda salarial sen que se che revolva o estómago. Cando cres que hai xoguetes para nenos e para nenas. Nun xesto obsceno pola rúa, nun chiste fóra de ton. No traballo, na casa, na escola. Que non pasen outros 98 anos máis.

Comentarios