O 41% dos maltratadores que cumpriron condena no cárcere por violencia de xénero volveron agredir a unha muller tras a súa posta en liberdade. Non o digo eu, senón un estudo de Institucións Penitenciarias impulsado polo Ministerio do Interior que analizou durante 10 anos aos presos que saíron da cadea no ano 2009.
Se ben, sobre o destino dun maltratador que entra por primeira vez en prisión por violencia de xénero, a última palabra tena sempre o xuíz ou xuíza, o sistema adoita concederlle, de serie, varias oportunidades e advertencias -que moitas mulleres xa non puideron chegar a contar- antes de convidalo a pasar un tempo dentro da cela: visitas nocturnas ao calabozo, traballos en beneficio da comunidade, vixilancia ou toques de atención. Digamos que, neste Estado, un maltratador que entra en prisión puido ir escalando posicións na espiral da violencia, paso a paso, ata o punto de que nin a privación de liberdade lle é rival. Por suposto que reincidirá. Canto máis, aquel que anda solto polo mundo coa única preocupación de, quizais, saír airoso dun xuízo rápido, case sempre atenuado polo medo da denunciante.
E aínda hai quen fala de vulneración de dereitos fundamentais cando se trata de establecer un sistema de avisos ás potenciais vítimas. E o noso dereito a vivir, onde está?