Blog | A fouce

Deslinguadas

Da xeración que aprendeu a malfalar castelán na escola a golpe de vara, pasando pola que, aínda sendo galegofalante, ensinou aos fillos e fillas a falar única e exclusivamente castelán, chegamos ás contadas superviventes que, a forza de tentar vencer o estigma, conseguimos sacar aos poucos o galego do ámbito familiar ao que o tiñamos relegado, aínda que a escola, o círculo de amizades, a televisión, os xoguetes e todo o noso entorno en xeral nos dixeran o contrario. E nin coa forza da vontade, nin collendo ben forte da man ás neofalantes que, tímidamente van saíndo paseniño dos recunchos máis insospeitados, conseguimos sobrepoñernos á secular sombra negra que asolaga toda unha cultura.

Dez anos depois do último Censo do INE, os datos que o IGE xa aventuraba como inevitables tórnanse realidade. Na ‘Galicia, Galicia, Galicia’ que nos deixaron aqueles que acabaron marchando para Madrid, o idioma máis empregado non é o de ‘Galicia’ senón -oh, sorpresa!- o de Castela e Madrid.

Se en Francia deixaran de falar francés, en Portugal, portugués, ou en Italia, italiano, non nos parecería máis disparatado. Sen embargo, pouco escándalo parece suscitar o feito de que os galegos e galegas, sexamos, grazas a toda unha campaña antiidentitaria orquestada a través das décadas, por fin, unhas deslinguadas.

Comentarios