Blog | A fouce

De goles e bandeiras

20_00 Praza de Espana_ Concentracion por el asesinato de Samuel en A Coruna_ Convocan colectivos LGTBI
photo_camera Concentración en Pontevedra en repulsa polo crime de Samuel. J.L.OUBIÑA

LEVANTÁDEAS. Blandide alto as bandeiras para que se note ben o "muy españoles, mucho españoles" que somos neste país. Que non quede ningunha dúbida. Que mentres haxa fútbol, estamos salvados. Aínda que España perda a penaltis. E que non se nos esquezan os nenos. Os nenos, que graciosos insultando ao árbitro, coa rojigualda ondeando coma a capa de Superman. Veña, unha foto para instagram: "Agarra ben a bandeira, Pepiño, que aquí a patriotas non nos gaña ninguén".

Nin a libres. Liberdade ante todo. Liberdade para tomar unha caña e mercar onde queiramos, que dicía Díaz Ayuso en plena campaña electoral. E veña as bandeirolas a axitarse, frenéticas, por riba de miles de cabezas.

Tamén a bandeira, a omnipresente bandeira que asoma incesante dun tempo a esta parte nos balcóns, é o emblema que vai por diante de cada declaración perpetrada por ese suposto partido político de tres letras que non merece nin ser nomeado. Baixo esa bandeira, o mesmo Jorge Buxadé vén de defender o indefendible. Que "el enemigo de los homosexuales es el islamismo radical", seica.

Unha racistada para xustificar unha discriminación, un asasinato. E todo pola patria, faltaba máis. O inimigo non é o discurso de odio, que va. Si que o son, sen embargo, esas persoas ás que chaman menas, xóvenes, nenos e nenas procedentes do estranxeiro, aos que deshumanizan por completo neses paneis disfrazados de eslogan publicitario en plena Porta do Sol madrileña. A Xustiza, a Xustiza deste Estado que tan orgullosos abandeiramos nos balcóns, en cada partido de España, en cada mitin da dereita, non viu ilexitimidade nesa ocasión. E por conseguinte, tampouco odio, discriminación, racismo, xenofobia. Claro que non. Que siga a percorrer as rúas aquel autobús laranxa que facía apoloxía da transfobia, xa de paso.

As bandeiras de España, ben altas. As LGTBI+, que volvan enfundarse. Parece que, no caso de Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado 1 de xullo a berro de "maricón", a investigación que mantén en vilo a este patriótico Estado tampouco ve, polo momento, indicios dun móbil homófobo. Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o que ocorreu con Samuel foi un "miserable asesinato". Nada de condenar a homofobia, aínda que só sexa polo feito de que o último que escoitou o mozo foron palabras de odio dirixidas á súa condición sexual.

Non é ningunha sorpresa, cando a Xustiza tampouco é quen de apreciar, tantas veces, un móbil machista nas agresións a centos de mulleres a mans das súas parellas, exparellas, amizades, coñecidos ou familiares, chegando a poñerse en dúbida incluso o propio relato das que teñen a sorte de saír vivas, e o valor de atreverse a denunciar nun Estado no que as prioridades xa nos van quedando ben claras.

Baixo a careta da falsa tolerancia, a pluralidade mal entendida, a corrupción da palabra liberdade, e a terxiversación do significado de prosperidade, agóchase o auxe dun discurso tan astuto como perIgoso, que vai escalando, silandeiro. As ideoloxías, abandeiradas pola liberdade de ser, de pensar ou amar, son e serán un ben necesario en aras da pluralidade. Pero non todo discurso é válido. Que o fascismo non é ideoloxía, senon barbarie. Que é facil enarbolar a rojigualda ante o televisor, pero moito máis difícil defender a arcoíris na rúa. Á hora de cantar gol, todos a unha, pero se a Xustiza trata certos crimes como comúns, impera o silencio. E o discurso de odio, o machista, LGTBIfóbico, xenófobo, faise máis forte. Iso si que é perder a penaltis, e non o de España.

Comentarios