Blog | A fouce

Luxos do século XXI

VEXO nas redes sociais, como, segundo pasan as semanas, os insta stories dalgunhas compañeiras de carreira que gardo daqueles anos vanse enchendo de lunares e mil cores. A Feira de Abril, que tan allea me resultou sempre, chama á porta da ledicia para deixala saír. Non fun desas nenas ás que disfrazaban de sevillanas no Entroido, cos beizos pintados e o traxe do Todo a 100, e o máis apegado a esa tradición da outra punta da península que tiven intención de bailar algunha vez foi o Antes muerta que sencilla de María Isabel, nunha fin de curso. "No hay nada más bonito que ser sencillo", espetáranos a toda a clase, daquela, unha das mestras, en completa desaprobación coa consigna que coreabamos polos corredores.

Que llo digan aos caseteiros, aos que a ecuación resultoulles ben fácil: Non pode haber unha lei que diga que só se poden traballar oito horas cando na feira supéranse as 12. "¿Y qué quieren que hagamos? ¿Turnos? ¡Si la semana siguiente ya no trabajan!", abraiábase un deles hai uns días na televisión, no medio dun conflito que pon en evidencia ata que punto ter dereitos neste Estado xa comeza a parecernos un luxo. A quen se lle ocorre tocar a Feira de Abril! Eu, a título persoal, conformaríame con conseguir unha cita no centro de saúde. Xa saben, luxos do século XXI.

Comentarios