Blog | A fouce

Malcriadas

LEMBRO A un Pablo Casado abandeirando a causa da prisión permanente revisable para o asasino de Diana Quer, a moza que, con 18 anos, foi secuestrada en A Pobra do Caramiñal (A Coruña), violada e guindado o seu corpo sen vida ao fondo dun pozo. Escoito á xa presidenta do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, facer o ridículo intentando desacreditar ás feministas, e observo ao novo presidente do PP estatal, a quen todos ben coñecemos por estas terras, Alberto Núñez Feijóo, aplaudíndolle a xenialidade desde a súa cadeira. Podes estar tranquila, Ayuso, con Albertiño non vas ter problema.

Se chegar soas e borrachas á casa sen ser violadas, asasinadas, ou as dúas cousas, é moito pedir, o certo é que non estaría de máis unha explicación –aínda que estes días en Sanxenxo quedou claro que isto non se leva pola capital– sobre como tomar unha boa decisión da que dependa a nosa vida. Quizais o quid da cuestión esté nos centímetros da saia, en casarnos aos 18, meternos na casa, e comezar a ter fillos, que é para o que valemos, ou en reprimir a nosa sexualidade no canto de andar por aí zorreando.

A min encantaríame que Ayuso e Feijóo (a Casado ímolo deixar que siga lambendo as feridas) percorreran a súa España xuntos nesta última semana, con parada en Castellón, Almería, Granada e a Comunidade Valenciana, e falaran coas últimas vítimas, esas malcriadas de entre 12 e 30 anos, sobre as súas malas decisións.

Comentarios