Blog | A fouce

Mulleres que...

Williams, unha desas mulleres que. SERGIO CARMONA (EFE)
photo_camera Williams, unha desas mulleres que. SERGIO CARMONA (EFE)

"O MEU soño era ser a mellor tenista do mundo. Non a mellor muller tenista do mundo". Isto díxoo Serena Williams hai arredor de cinco anos nunha carta que se volveu poñer de actualidade nun asunto que, a dicir verdade, nunca deixou de estalo.

Calquera que me coñeza ou, sen ir máis lonxe, a benquerida xente deste xornal, sabe da miña cariñosa incultura deportiva. E digo cariñosa, porque durante os meses que tiven a fortuna de formar parte da sección de Deportes, valinme máis do sentimento, a admiración e o interese pola traxectoria de tantas e tantos deportistas excelentes –moitos e moitas delas ben novos– que tiveron a ben contarme as súas historias, que duns coñecementos técnicos que nunca cheguei a adquirir. Por iso, e a pesar desa fugaz e marabillosa aventura na que aprendín palabras que non sabía nin que existían, hoxe tiven que botar man do todopoderoso Google para comprender en que raios consiste iso dos Grand Slam, títulos dos que Williams é unha auténtica xefaza.

"E outro aplauso para as mulleres!", que pediría o árbitro

Tecleei o seu nome. E o oráculo dixital ofreceume moita máis información da que eu quixera asumir. Aí van algunhas das suxerencias máis interesantes que o algoritmo de Google recopilou como preguntas dos usuarios: Canto mide e canto pesa Serena Williams?; Quen é o papá do fillo de Serena Williams?; Cal é a idade de Serena Williams?; Que cantidade de cartos ten Serena Williams?; Canto pesa a tenista Serena Williams? Ollo! Esta última, bastante recorrente.

Logo busquei a Rafa Nadal, ídolo do pobo onde os haxa: Que idiomas fala Rafa Nadal?; Que se estuda na Academia de Rafa Nadal?; Onde naceu o tenista Rafael Nadal? E, en primeira posición, os seus resultados deportivos, ben destacados. En fin, nada jugosito como Rafa Nadal se pone pelo en Turquía, por exemplo. Algo que claramente a todo o mundo lle interesa saber.

A risco de gañarme a enemistade de medio planeta, do 80% de España e da totalidade deste xornal, vou recoñecer que, a min, Rafa Nadal, nin me vai nin me vén. Pero a carraxe puido conmigo e, créndome co dereito de administrar un pouco de xustiza divina no mundo virtual e contrarrestar as inxustizas cometidas cara Serena Williams polo algoritmo de Google, e por non sei nin que proporción dos seus usuarios e usuarias, busqueino eu. Resulta que foi en Madrid. Dígoo nada máis por se alguén o quere anotar na libreta de inutilidades, xusto ao lado do talle de sostén de Serena Williams.

Mulleres que fan cousas. É a nosa cruz. Mellor dito: mulleres ás que lles deixan facer cousas, pero con coidadiño, non vaia ser. Apartadas, apestadas, nunha categoría diferente. "E outro aplauso para as mulleres!", que pediría o árbitro sinalando ao equipo perdedor. "Grazas a todas por participar".

Por diante dos 21 Grand Slam de Nadal había tres desas mulleres que: Margaret Court (24 títulos individuais), Serena Williams (23) e Steffi Graf (22). E para que nos decatásemos, tiveron que arder as redes. E para poder poñer eu aquí estes datos, tiven que volver recorrer a Google. Pola contra, o número de títulos do macho alfa, seguro que poden adiviñar por que, sabíao de memoria, por pouco que eu entenda de Grand Slams. Elas nunca foron as mellores do mundo, só mulleres. Mulleres que gañaron, mulleres que loitaron, mulleres que tiveron que suar o dobre. Ou o triple. Líderes absolutas, sen embargo. Pero claro, mulleres.

Comentarios