Imaxinen que a admirada mundialmente actriz Meryl Streep tivera a desfachatez, aínda coa súa infinita experiencia e saber estar, de dirixirse ao público en inglés –moi de New Jersey– durante o seu aplaudido discurso ao recoller o Premio Princesa de Asturias o mes pasado. En España. Que a Aitana Bonmatí, a mellor futbolista recoñecida recentemente cun Balón de Ouro, se lle ocorrera falar catalán en plena –e glamurosa– entrega no Theatre du Chatelet de París. Catalán en Francia! Que de repente perdamos o norte e comecemos a falar as nosas linguas maternas, eu que sei, polo mundo adiante e sen pedir permiso. Que tolemia sería esa? Con que dereito privariamos aos señores e señoras respetables do entendemento? Quen seriamos nós para impoñer tamañas barreiras á comunicación?
Se xa o dicía a propaganda de posguerra por toda Galiza: "Hable castellano, no sea bárbaro". E dende logo, que pouco aprendemos! Está claro que a imposición do galego –e do catalán, xa que estamos– na escola, fixo estragos.
E pode que a Meryl llo perdoemos. Á fin e ao cabo, o inglés é un idioma internacional. Varios presidentes do Goberno ao longo da historia de España falárono con total fluidez. Din por aí que Rajoy recibiu clases particulares de Aznar. Pero o catalán, o galego e o euskera, para que valerán?