Blog | A fouce

Non, así non

Monte Castrove. ARQUIVO
photo_camera Monte Castrove. ARQUIVO

IMAXINEN POR un momento que a riqueza e o progreso baten de fuciños contra a nosa provincia. Que unha investigación liderada pola Universidade de Vigo conclúe ao 99% de posibilidades o achado dun modesto xacemento de gas natural agochado durante varios millóns de anos entre as lindes do subsolo do municipio de Poio. Que así como se enteran da posibilidade de complementar a produción de La Rioja –nun asunto que agora é claramente de interese nacional– as grandes compañías estatais poxan por instalar o petate e comezar a furar. Que para sacar a riqueza alén do fondo do mar hai que "adaptar" parte do casco histórico de Combarro. Pero os empregos, a economía, a competitividade de España... ai! Que valen entón un par de hórreos menos?

Agora imaxinen que a cadea irlandesa de roupa low cost de moda pousa a vista nas Rías Baixas como o lugar idóneo para instalar unha macro tenda que supere á que ten no centro de Madrid. Que busca un lugar no que reinventarse, un auténtico balcón ao Atlántico. E xura e perxura que a súa actividade non afectará de xeito estrutural a esa capela á que, ao parecer, tanto cariño lle teñen os parroquianos. Ao contrario, a actividade xerada dinamizará a vida do lugar e construiranse máis servizos derivados. A ermida da Lanzada non se vai mover do sitio. Que vale entón unha estética razón?

Imaxinen un edificio de 30 pisos que se ergue no alto do Castrove

Dentro do xogo de escenarios imposibles, rocambolescos, tenten situar agora un bazar chinés apegado á igrexa da Peregrina. A compra dos locais de hostalería contiguos xa está formalizada e comezaron a instalar o neón. Ponte Chino. Rumoréase que van reformar a fachada para poder pintala dunha cor máis alegre. Quizáis azul eléctrico. Os peregrinos teñen o souvenir asegurado.

O Lago Castiñeiras xa non está de moda. Hai tempo que deixaron de ir as excursións dos centros educativos e un novo proxecto de parque de atraccións vai collendo forma na contorna. Din que vén da man dunha multinacional de debuxos animados. Ao mellor, parte do espazo pódese conservar como merendeiro para as familias que veñan no AVE a pasar a fin de semana. Nunha das casas indianas mellor conservadas de Ponte Caldelas van abrir un supermercado e, ollo!, incorporará servizo de comida para levar. O Castelo de Soutomaior vai ceder terreos para unha gasolineira, e nas Fervenzas do Barosa, en Barro, abrirán unha franquicia dunha coñecida cadea de hamburguesas.

Se aínda non cansaron de imaxinar disparates, imaxinen agora un edificio de 30 pisos que se ergue no alto do Castrove, xusto no centro da imaxe que acompaña este artigo. O monte segue no seu sitio si, pero mermouse a fauna, a flora e supuxo un grave impacto para a veciñanza da contorna. Mellor aínda: imaxinen catro. Un no alto das Pozas, outro en Outeiro dos Corvos, tamén no alto de A Retacova e ao lado da antiga capela de Santa Mariña. Toda unha urbanización con vistas privilexiadas no cumio dun monte que xa non é monte. Difícil de crer, non si? Condenable? Tamén.

Claro que a ninguén se lle podería pasar pola cabeza que só un destes despropósitos de proxectos puidese sequera plantexarse en ningún destes espazos. Pero, e se lles digo que, no medio deste tolo vagar da imaxinación, hai unha verdade a medias?

Aínda que non son edificios, si medirán uns 200 metros de altura. A paisaxe, a contorna do Castrove, mudará para sempre. Por toda a comunidade galega circula ultimamente a consigna de así eólicos non. E claro que eólicos si. Claro que gasolineiras si, que supermercados si, que atraccións turísticas, tecido empresarial, e competitividade. Pero non a costa da paisaxe, do patrimonio e da riqueza natural. Non a costa do que somos. Non a costa dos beneficios económicos dos que nada quedará nesta terra, salvo un puñado, quizais, de postos de traballo mal amañados, irreais e insostibles. O proxecto eólico que afectará a Campañó (Pontevedra), Poio, Barro e Meis atópase en fase de tramitación ambiental. O de Cerdedo-Cotobade, que tamén afecta a Ponte Caldelas, volveu á de información pública e, por toda a comunidade galega, crecen cada vez máis ameazas destrutivas a golpe de aspa e barullento aeroxerador. Tropecei co enésimo cartaz coa consigna impresa de así eólicos non esta fin de semana, no municipio lugués de Navia de Suarna, nunha mostra máis do rexeitamento veciñal, diría que case unánime ao longo e ancho da xeografía galega, a estas monstruosas propostas do progreso. Enerxías renovables si, sempre. Eólicos, por suposto. Pero non. Creo que así, non.

Comentarios