Blog | A fouce

Novas e vellas

Kelly McGillis e Tom Cruise. EP
photo_camera Kelly McGillis e Tom Cruise. EP

A ACTRIZ Kelly McGillis foi un icono na súa xuventude, por aqueles anos nos que lucía coma o máis perfecto dos accesorios, apegada á chupa de coiro na parte traseira da moto de Tom Cruise en Top Gun, naquelas pantallas de televisor cadradas de finais dos anos 80. Porque ela estaba alí para figurar, para quedar ben en pantalla. A moza máis sexy, a máis loira, e todo iso que, quixera crer, pertence ao imaxinario colectivo de hai décadas. Pero non nos imos enganar.

Ela di que, 35 anos despois, non participa na película porque é demasiado vella, gorda e aparenta a idade que ten. Non coma Cruise, claro, que está feito un chaval. Nin coma todos eses outros actores masculinos que, aínda 20 ou 30 anos despois, véxase Sylvester Stallone en Rambo V (2019), poden volver protagonizar as versións modernas das súas propias películas adaptando o papel ao seu corpo, e non ao revés. Porque eles si teñen dereito a envellecer e seguir tendo estilo.

As que aínda non chegamos aos 30, no Hollywood que ás veces é o noso periplo laboral, pasamos toda a vintena buscando respecto ou aprobación na ristra de traballos mal pagados que adoitamos encadear para que non se nos infravalore, se nos sobrecargue, humille ou mangonee por ter aínda cara de bebé, mentres eles son un prodixio. Novas ou vellas, sempre a mesma historia.

Comentarios