Blog | A fouce

O inimigo

Coido que hai xente xa ben entrada en anos nesta cidade —e xa non digamos en Madrid— que saíu á rúa por primeira vez na súa vida esta fin de semana. Nin co "nunca máis" do Prestige, nin na meirande manifestación en defensa da sanidade pública que rexistrou a Boa Vila alá polo 2009, como ben recollía onte este xornal, nin moito menos no histórico 8-M de 2018.

Coido tamén, que hai xente moi nova, pontevedreses e pontevedresas do futuro, que nunca tiveron a oportunidade de aprender o significado da memoria histórica. Que alzan a gadoupa cara o astro maior sen ningún remordemento, confundindo o que é, de facto, un atentado simbólico contra os dereitos humanos, cunha concepción mal entendida de liberdade ideolóxica.

Xuntos e repartidos por diferentes cidades españolas, anciás e mozos repiten en modo automático consignas a favor da democracia, que antes negaron cando se tratou de levar a cabo o acto máis demócrata posible: votar. Berran desesperados como recén saídos da caverna porque "España se rompe", cando nin sequera saben exactamente qué é España. Corean que "con los moros no hay cojones" e pretenden dar leccións de respeto e liberdade aos netos que levan collidos da man. E logo cuspen toda a súa bilis nunha frase tan racista coma unineuronal a través das redes sociais, pedindo aos seus conxéneres que en Sanxenxo "escondan las carteras" duns mozos que perfectamente poderían ser os seus fillos se o mapa dera a volta. Din que o inimigo "está en la Moncloa", pero está nas súas propias cabezas.

Comentarios