Blog | A fouce

Os de sempre

NON TEÑO nada en contra das 25.000 persoas que correron este luns —cónstame que dende os máis diversos lugares da xeografía peninsular— en pleno festivo para os pontevedreses e non tan festivo para outros, para ver aos estadounidenses Imagine Dragons en Compostela. Tampouco teño nada en contra dos que farán varias horas de fileira para ver a C.Tangana o vindeiro agosto en Vigo, nin dos que levan meses falando do vindeiro concerto de Rosalía na Coruña. Iso sí, permítanme ter aínda que só sexa un pouquiño en contra dos que devecen por asistir ao concerto que dará esta semana un grupo madrileño de cuxo nome non quero acordarme, pero que ten complexo de ser o irmán menor dunha cadeira. Ou dunha banqueta. En Madrid chámanlle doutro xeito.

E quixera asumir o privilexio de ter bastante en contra dunhas institucións públicas que, baixo o paraugas do Xacobeo, recuperan este ano postpandémico a corrosiva tradición de ateigar os cartaces de concertos e festivais ben subvencionados de todo o longo e ancho da xeografía galega de bandas e grupos estranxeiros, estatais ou -permítanme novamente- dos galegos xa plenamente consolidados de sempre, esquecendo a necesidade e o dereito daqueles pringados que continúan a facer o traballo sucio, alimentando de cultura Galiza enteira.

Comentarios