Blog | A fouce

Os privilexiados

Lembro o primeiro curso de carreira, cando as altas expectativas para unha futura profesión supostamente vocacional aínda se mantiñan na televisión. Aquela amiga que quería ser presentadora, aquel mestre que nos animaba a facer o máster de radio televisión, e aquelas ganas tolas de facer prácticas nos platós. Eu, a dicir verdade, nunca tiven que soportar a labazada de realidade, porque as miñas expectativas, a diferenza das de moitas outras compañeiras, sempre estiveran na escrita, aínda que a televisión, nunha cidade coma Madrid, turraba por nós coma unha promesa de gloria.

Conforme ían pasando os cursos, os anos, os meses, as expectativas íanse rebaixando a unha boa corporación, un salario alto, un bo horario. Que estabamos a punto de facernos co título dunha carreira, faltaba máis! Dábanos igual onde, e pouco nos importaba a especialidade. As oportunidades naquela gran cidade eran infinitas, e pensabamos que non nos ían chegar os anos para dar renda solta a todas esas ganas, a todos eses soños por cumprir.

Agora, xa adultas, miramos cara atrás e sorrimos pensando que, en realidade, nunca tivemos nada máis que as unhas ás outras, e aos nosos soños, que hoxe, ben humildes, dende as redaccións locais e as pequenas empresas, danlle cen patadas á suposta ética daqueles poucos privilexiados.

Comentarios